Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
ESIXE os teus dereitos. ESIXE CCOO!

domingo 29 de abril de 2012

Houbo manifestacións en nove localidades galegas contra os recortes

Case 70.000 persoas manifestáronse xunto a UGT e CCOO en defensa da sanidade e o ensino públicos

Case 70.000 persoas manifestáronse hoxe en toda Galicia contra os recortes na sanidade e no ensino públicos. Convocadas por CCOO e UGT, mobilizáronse en Santiago de Compostela, Ferrol, A Coruña, Burela, Lugo, Ourense, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra e Vigo baixo o lema «Coa educación e a sanidade non se xoga».

Manifestación en Santiago

Manifestación en Santiago

Os secretarios xerais de UGT e CCOO, José Antonio Gómez e Xosé Manuel Sánchez, respectivamente, participaron nesta xornada de mobilización desde Santiago de Compostela. Ao termo da marcha na capital de Galicia, lembraron que o Estado do benestar asenta na existencia duns servizos públicos de calidade, universais e accesibles que atenden con eficacia as necesidades da cidadanía, sempre sobre a base do principio de igualdade. Por esta razón, os dirixentes sindicais afirmaron que o gasto social destinado a manter os servizos públicos é o mellor investimento que os gobernos poden facer para favorecer a saída da crise.

Defenderon así mesmo a capacidade dos servizos públicos para xerar emprego de calidade, motivo polo que son un sector sector estratéxico e de alto valor engadido da economía española, que concentra coñecemento, xera igualdade e dálle cohesión á sociedade no noso país.

Contra as afirmacións de que se gasta demasiado nestes servizos, os secretarios xerais de CCOO e UGT denunciaron esa falacia, sinalando que o gasto en España está moi por baixo da media europea. Así, segundo datos de EUROSTAT do ano 2009, en España, o gasto social en porcentaxe do PIB foi do 25%, mentres que na UE-15 foi do 30,3% e na UE-27 o 29,5%, cunha taxa de empregados e empregadas públicos tamén inferior á media comunitaria.

As decisións que están a adoptar o Goberno de España e a maioría dos gobernos autonómicos de recortar o gasto social mediante a redución das prestacións, o empeoramento das condicións de traballo e a destrución de emprego público, pon en risco o Estado do benestar, que é patrimonio da cidadanía.

Precisamente, defenderon que estes servizos son patrimonio cidadán porque é esta a que os sufraga a través dos impostos, fundamentalmente das rendas do traballo, aos que contribúe o conxunto da cidadanía e constitúen a mellor forma de redistribución social da riqueza amais de seren un investimento para o presente e o futuro.

E xa que os financia a cidadanía, José Antonio Gómez e Sánchez Aguión reclamaron que estes servizos sexan de xestión pública directa, fórmula que mellor garante o acceso universal, a equidade e a calidade. Neste contexto, denunciaron as políticas de axuste, porque reducen os investimentos e provocan a deterioración dos servizos públicos, especialmente dos básicos, coas consecuentes repercusións negativas sobre os sectores máis vulnerables da sociedade, e obstaculizan a recuperación económica e do emprego.

Os 3.000 millóns de euros adicionais recortados polo Goberno en educación supoñen un retroceso para saír de crise, xa que masifica as aulas, reduce a educación infantil de 0-3 anos, aumenta o alumnado por aula, produce unha sobrecarga de horas lectivas nos docentes, non cobre baixas de profesorado, reducir as bolsas, endurece os requisitos para lograr unha axuda ao estudo, conxela a oferta de emprego público e sobe as taxas universitarias.

Canto á sanidade, un dos servizos públicos mellor valorados pola cidadanía, o recorte adicional é de 7.000 millóns. Con isto incrementarán os concertos privados e a colaboración público-privada, á vez que se seguirán pechando centros e servizos públicos (ambulatorios, servizos de urxencia nocturnos, camas hospitalarias, equipamentos diagnósticos e quirófanos, especialmente en horario de tarde) e aumentará a privatización de servizos. Opcións que se presentarán como unha solución aos problemas de xestión directa do sistema sanitario público.

Ademais, impóñenselles trabas adicionais ás persoas inmigrantes que viven en España, que non poderán acceder en moitos casos á tarxeta sanitaria, incumprindo o mandato constitucional de que os poderes públicos garantan e tutelen a saúde pública para o conxunto da poboación. Esta decisión terá efectos negativos na saúde pública e incrementará os gastos sanitarios.

Para os máximos reponsables de CCOO e UGT en Galicia, o máis preocupante, para os próximos meses, é o anuncio do Goberno dunha nova definición da Carteira Básica de Servizos do Sistema Nacional de Saúde, que se dividirá en tres niveis diferenciados: a carteira común básica de servizos asistenciais, a carteira común suplementaria e a carteira común de servizos accesorios, que poderá incorporar un repagamento segundo o tramo, mediante a aseguranza privada ou o pagamento efectivo no momento da prestación. Na súa opinión, isto poderíanos levar a un sistema dual e romper o principio de solidariedade que ten o actual sistema.

Rexeitaron, polo tanto, a aposta do Goberno polas fórmulas de copagamentos e repagamentos, porque recaen sobre quen non ten a formación técnica suficiente e sobre quen necesita máis protección: os máis enfermos e os máis maiores. Por primeira vez na democracia, oito millóns de pensionistas participarán no copagamento farmacéutico e incrementarase a achega da maioría da cidadanía. As consecuencias serán inmediatas, advertiron: as e os pensionistas con menos ingresos e doenzas crónicas deixarán de acudir ás consultas de atención primaria, aumentando os riscos para a súa saúde e, consecuentemente, incrementándose os gastos de hospitalización.

Por último, Gómez e Aguión lembraron que o sindicalismo de clase ten propostas para saír da crise que van na liña contraria á emprendida en solitario polo Goberno. Unhas iniciativas que pasan polo mantemento e mellora do Estado do benestar e por unha reforma integral do sistema fiscal para que pague máis quen máis ten, e que se combata a fraude adecuadamente, sen amnistías fiscais de ningún tipo.

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2012

Gabinete de Comunicación 
Horario: luns a venres, 9-14h e 17-20h
686 469 993 / 981 551 867 | xuz[arroba]galicia.ccoo.es 
+ Máis información en: http://www.galicia.ccoo.es

Case 70.000 persoas manifestáronse xunto a UGT e CCOO en defensa da sanidade e o ensino públicos

domingo 29 de abril de 2012

Áreas temáticas relacionadas

Información - Novas
O teu sindicato - Unións Territoriais - A Coruña - Actualidade
O teu sindicato - Unións Territoriais - Ourense Valdeorras - Actualidade
O teu sindicato - Unións Territoriais - Ferrol - Actualidade
O teu sindicato - Unións Territoriais - Lugo - Actualidade
O teu sindicato - Unións Territoriais - A Mariña - Actualidade
O teu sindicato - Unións Territoriais - Pontevedra - Actualidade
O teu sindicato - Unións Territoriais - Vigo - Actualidade
O teu sindicato - Unións Territoriais - Santiago Barbanza - Actualidade

  • Zona de afiliados
  • Afiliate a CCOO
  • Resumo de prensa
  • FOREM Galicia: formación para o emprego
    • A auga é un dereito - a túa sinatura é importante
    • 10.º Congreso do S. N. de CCOO de Galicia
  • Lista de locais do SN de CCOO
  • Galicia Sindical n.º 39 - 1.ª quincena de abril de 2013
  • Queres ser delegado?
  • Autoemprego
  • Imos Traballar! (2)
  • A pegada dos avós
    • Fundación Paz e Solidariedade
    • Fundación 10 de Marzo
  • Atlantis Seguros - Promoción auto