Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Nas eleccións sindicais, ESIXE CCOO

luns 6 de agosto de 2012

Gráficas do Noroeste pechará sen remedio se a Xunta non cumpre coas súas obrigacións

  • O peche de Grafinsa rematará co emprego de 120 traballadores e traballadoras

Gráficas do Noroeste, (Grafinsa), importante grupo de empresa de Artes Gráficas situada no concello de Vigo, dedicada ao deseño e fabricación de envases para a industria que foi participada pola Xunta de Galcia nun 42,02% no ano 2007 para evitar a súa deslocalización, atópase nestes intres en graves dificultades e a piques de pechar

00-08-2011.- Gráficas do Noroeste, (Grafinsa), importante grupo de empresa de Artes Gráficas situada no concello de Vigo, dedicada ao deseño e fabricación de envases para a industria, que no ano 2007, para evitar a súa deslocalización para o Norte de Portugal foi participada pola Xunta de Galicia como accionista maioritaria (ten o 42,02% das accións), atópase nestes intres en graves dificultades e a piques de pechar.

A mala xestión e a descapitalización da empresa nestes anos, sumada a actual crise, está a punto de rematar por pechar este grupo de empresas que de existir vontade política poderían ter solución. A empresa conta con tecnoloxía de última xeración e un cadro de persoal profesional, capaz e ben formado, tan só carece da capacidade necesaria para a compra de materias primas. Parece incrible que a administración permita caer unha empresa cunha carga de traballo tan grande como esta, que podería obter grandes beneficios, como xa demostrou no pasado, para o que só se precisaría financiamento e unha mellor xestión, aínda que non necesariamente nesta orde.

Parece unha senrazón que o Sr. Feijoo apoie a Mariano Rajoy en recortes como os que padeceu o Fogasa, pensamos que para reducir o déficit habería que manter abertas todas as empresas posibles, en lugar de eliminar as prestacións que se perciben só cando estas pechan, especialmente aquelas que son líderes mundiais no seu sector e teñen un peso considerable do PIB en Galicia.

O peche de Grafinsa non só rematará co emprego dos 120 traballadores e traballadoras do grupo, arrastrará consigo outras empresas da comarca ao perdela como cliente, sumando máis xente a esa lista interminable do paro. Actualmente non hai ningunha planta de fabricación en Galicia, e apenas un par no estado, que poidan absorber a carga de traballo que se perderá nesta, o que nos leva a pensar que os 10 ou 15 millóns de euros que se poderían facturar, marcharán para empresas xa implantadas en Francia ou Alemaña.

Evitar o peche de Grafinsa ademais contribuiría a reducir a lista de desemprego, pois, se a empresa se reactiva necesitará ao redor de 40 traballadores e traballadoras máis de xeito inmediato e, indirectamente daríalle máis solidez aos bancos cos que leva traballando máis de 40 años, Banco Pastor e Nova Galicia Banco.

Por iso esperamos que o executivo do Sr. Feijoo rectifique e solucione este grave problema para a sociedade galega e viguesa, xa moi castigada pola crise.

Namentres os traballadores e traballadoras do Grupo, que xa soportaron un ERE temporal en novembro do ano pasado sen que servira para nada, decidiron, como última medida, o pasado día 2, convocar unha folga con carácter indefinido que dará comezo o vindeiro xoves día 9 de agosto ás 6 horas da maña, que conta co respaldo dos Sindicatos, con CCOO á cabeza.

+ Para máis información:

-      Jairo Pereira Simón de CCOO-FSC .Presidente do Comité de Empresa de Grafinsa. 679.973.001

Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2011

Gráficas do Noroeste pechará sen remedio se a Xunta non cumpre coas súas obrigacións

luns 6 de agosto de 2012