Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
ESIXE os teus dereitos. ESIXE CCOO!

martes 24 de xullo de 2012

Declaración do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia e UGT-Galicia con motivo da celebración do Día da Patria Galega de 2012

Por desgraza, o Día da Patria Galega de 2012 vén marcado, un ano máis, pola crise económica. O Goberno español, actualmente do PP, demostrou a súa total incapacidade de responder adecuadamente ás dificultades económicas polas que atravesamos. O único que soubo facer foi impoñer a súa incontestable maioría absoluta para gobernar a golpe de decreto e promulgar medidas que fan que o custo da crise recaia sobre os segmentos de poboación máis débiles.

As medidas aprobadas ata o momento, e especialmente as anunciadas o pasado día 13 de xullo, prexudican as persoas en paro, cuxas prestacións se recortan xusto cando máis as necesitan, incrementan as retencións dos autónomos e das autónomas, reducen máis aínda o poder adquisitivo dos traballadores e traballadoras do sector público, e directa ou indirectamente repercuten de xeito negativo a colectivos como pensionistas, mocidade e persoas dependentes. Ademais, outras medidas, como a suba do ive, afectan a toda a cidadanía, pero moi especialmente ás rendas máis baixas.

Estas medidas pretenden ser unha mensaxe aos mercados, pero estes xa teñen demostrado a súa insaciabilidade: non hai reforma que lles sirva, e ao pouco de anunciar Rajoy as medidas xa se disparou a prima de risco do Estado español, superando con fartura os máximos históricos.

O Goberno deixou claro unha e outra vez que non pensa dialogar, entendendo a súa maioría absoluta como unha sorte de carta branca que lle permite impor medidas sen ningún tipo de negociación. Esquecen, porén, que a autorización cidadá que lles permitiu gobernar se baseaba nun programa electoral moi diferente deste que están a aplicar. Isto, como mínimo, é unha fraude á democracia. Pode ser legal, pero resulta indecente.

Diante disto, o sindicalismo de clase do que forman parte UGT e CC OO afirman que hai alternativas, hai outro xeito de se enfrontar a crise. Esta vía pasa por facer que pague máis que máis ten, e non ao revés. Pasa por unha reforma fiscal que incremente os ingresos do Estado, sen amnistías para os que defraudan, e por unha reforma financeira que permita o fluxo de crédito para as empresas e as familias.

Para CCOO e UGT, a saída da crise só será posible con medidas orientadas a que esta sexa xusta e equitativa. Son necesarias políticas que garantan unha repartición máis equilibrada dos custos da crise, que non deixen as solucións nas mans de quen a provocou. Para iso cómpre forzar un cambio na orientación das políticas europeas, como estableceu o recente congreso da Confederación Europea de Sindicatos.

Reclamamos unha reforma fiscal que garanta os ingresos necesarios a través dunha recadación máis proporcionada e mellor repartida, co fin de paliar as cargas que supoñen as políticas de redución do déficit entre os sectores máis débiles da poboación. Proceder a unha reforma do sistema financeiro que, á vez que vele pola solvencia das entidades, poña límites ás operacións especulativas e garanta que o crédito chegue ás familias, autónomos e pequenas empresas, de xeito que sirva para activar o consumo e o investimento. Urxe acometer un verdadeiro cambio de modelo produtivo para que o país recupere a senda do crecemento sobre bases distintas das que nos levaron a esta situación.

Recentralización

A crise está a ser instrumentalizada para aplicar uns recortes de dereitos laborais e sociais que nos retrotraen a épocas felizmente superadas. Ademais do xa exposto, existe tamén o perigo de utilizar o contexto socioeconómico como escusa para centralizar competencias e destruír o noso modelo social. E para iso é necesario, hoxe máis ca nunca, defender os elementos constitutivos do noso estado do benestar.

En UGT e CCOO temos claro que o proxecto nacional galego depende do desenvolvemento de todas as capacidades necesarias para alcanzar unha sociedade xusta. A autonomía de que goza Galicia debe utilizarse para contrarrestar os desmandos de Rajoy. A Xunta non pode ser unha mera correa de transmisión das directrices que emanan da sede estatal do PP e acaban validando as Cortes, non.

Se algo quedou demostrado en máis de tres décadas de democracia é que a descentralización política foi, é e será a mellor vía para lograr unha xusta distribución da riqueza e, en definitiva, mellorar as cotas de benestar da cidadanía galega.

Por este motivo, fronte ao ataque e desmantelamento dos servizos públicos, fronte ás pretensións de recentralizar competencias para aniquilar o modelo social, fonte á desregulación das condicións de traballo, o Sindicato Nacional de CCOO de Galicia e UGT-Galicia apostan firme e decididamente polos elementos constitutivos do noso estado do benestar; unha aposta por manter e ampliar os servizos públicos de calidade como factor de cohesión social e fonte de emprego, e unha aposta pola negociación colectiva como a mellor vía de saída da crise mediante a creación de emprego digno e con dereitos.

Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2012

Gabinete de Comunicación 
Horario de verán: luns a venres, 8-15h
686 469 993 / 981 551 867 | xuz[arroba]galicia.ccoo.es 
+ Máis información en: http://www.galicia.ccoo.es

Declaración do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia e UGT-Galicia con motivo da celebración do Día da Patria Galega de 2012

martes 24 de xullo de 2012

  • Zona de afiliados
  • Afiliate a CCOO
  • Resumo de prensa
  • FOREM Galicia: formación para o emprego
    • A auga é un dereito - a túa sinatura é importante
    • 10.º Congreso do S. N. de CCOO de Galicia
  • Lista de locais do SN de CCOO
  • Galicia Sindical n.º 39 - 1.ª quincena de abril de 2013
  • Queres ser delegado?
  • Autoemprego
  • Imos Traballar! (2)
  • A pegada dos avós
    • Fundación Paz e Solidariedade
    • Fundación 10 de Marzo
  • Atlantis Seguros - Promoción vida