Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
ESIXE os teus dereitos. ESIXE CCOO!

mércores 1 de agosto de 2012

Navantia segue en loita

  • Os delegados e delegadas de Navantia Fene e Ferrol, así como os das compañías auxiliares dos estaleiros, organizaron hoxe unha mobilización sorpresa na cidade de Ferrol
  • O período vacacional non fai esquecer a difícil situación de NAVANTIA, polo cal as mobilizacións continúan.

Acompañados por traballadores e traballadoras, saíron en manifestación ás 11 horas por diversas rúas de Ferrol, para que o problema de carga de traballo, que xa se presenta con toda a súa dureza, poda acadar solucións o antes posible.

Os manifestantes, concentrados ante a sede de Bancaja

Os manifestantes, concentrados ante a sede de Bancaja

Hoxe á mañá, os compañeiros e compañeiras de NAVANTIA da ría de Ferrol, con caretas da faciana de Mariano Rajoy e sacos con fotocopias de billetes de 500€, fixeron un recorrido polas rúas de Ferrol, con paradas en lugares como a sede do PP, onde demandaron novamente que se cumpran as súas promesas de xeito inmediato e que se deixen de evitar as reclamacións dos traballadores ás que eles mesmos se comprometeron, ademais de deixarlles bolsas con fotocopias dos papeis. Logo houbo outra parada en BANKIA, para esixir "Cartos para NAVANTIA e non para BANKIA", onde tamén se concentraron cunha pancarta que resume as demandas que se formulan e tamén se deixaron sacos con fotocopias "por se non chegaran as axudas do Goberno", e logo en NOVAGALICIA Banco, onde tamén se fixo o mesmo. Despois de corear diversas consignas, a manifestación voltou aos estaleiros de maneira pacífica, advertindo que se mobilizarán ata acadar as súas reivindicacións

Comisión do Seguimento do dique flotante.

Onte se celebrou unha xuntanza da Comisión de seguimento do dique flotante, onde as distintas Comisións presentaron os informes que tiñan elaborados. Así, a Comisión Técnica cuantificou en 212 millóns de euros o orzamento do dique (versión dunha soa peza), detallando que este orzamento comprende a propia construcción do artefacto (185 millóns) e as tarefas de dragados, licenzas, obra civil, etc. (27 millóns de €). Practicamente se descarta a versión autocarenable, porque suporía 247 millóns de €. Xeraría 1.960.000 horas de traballo en 29 meses de prazo de execución ata o inicio da explotación

A Comisión económica, pola súa banda, desbotou que o dique se poda facer contra o balance da propia NAVANTIA. Propoñen a creación dunha empresa, de cuxo accionariado non formaría parte NAVANTIA, encargue a NAVANTIA a construcción do artefacto e despois llo alugue a NAVANTIA por 25-30 anos, con dereito a compra. O que sí queda claro é que esta sociedade sería instrumental e non para explotar o dique, xa que o resultado desta explotación sería de NAVANTIA.

Como conclusións, os portavoces sindicais demandan que na vindeira xuntanza (finais de agosto) o Goberno central ten que dar dunha vez por todas unha solución a todo isto. Esixíuselle a NAVANTIA e ao Director Xeral de Industria da Xunta a que reclamen a alguén do Goberno (SEPI, MINISTERIOS, DELEGADO DO GOBERNO...) que veñan a dar a cara a Ferrol e que non enreden máis.

Ignacio Naveiras, secretario xeral da Sección Sindical de CCOO en NAVANTIA Ferrol, lembrou as desconfianzas da parte social ante estas xuntanzas "Queren gañar tempo,- dixo, apuntando aos empregos que se están perdendo nos estaleiros,- necesitamos inmediatez". Tamén criticou que na xuntanza se chegase a dicir que o proxecto tería sido máis fácil de asumir hai un ano, cando precisamente NAVANTIA desacreditou o informe dos enxeneiros galegos. "A estas alturas, o proxecto está resolto desde o punto de vista técnico", subliñou.

A parte social amosouse molesta do papel de "escudero do Goberno" que, na súa opinión, exerceu na reunión o Conselleiro Delegado de NAVANTIA, Jaime de Rábago, quen xustificou a ausencia dalgún responsable da SEPI ou do Goberno. De novo, os representantes dos traballadores e traballadoras fixeron un chamamento á responsabilidade da Xunta e do Executivo central para que, na vindeira xuntanza, "den a cara" e resolvan todas as dúbidas.


Navantia segue en loita

mércores 1 de agosto de 2012

Áreas temáticas relacionadas

Información - Novas
O teu sindicato - Unións Territoriais - Ferrol - Actualidade