Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Nas eleccións sindicais, ESIXE CCOO

mércores 20 de xuño de 2012

CCOO e UGT instan o Goberno a que escoite o clamor da cidadanía e rectifique a reforma laboral

A de hoxe volveu ser unha xornada de mobilizacións en todo o Estado contra a reforma laboral e o xeito en que se vai producir o rescate á banca. En Galicia, baixo o lema «Non cales! Defende os teus dereitos», case 20.000 persoas apoiaron as manifestacións convocadas polo Sindicato Nacional de CCOO e UGT-Galicia na Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Burela, Ourense, Pontevedra, Vilagarcía de Arousa e Vigo.

Manifestación de CCOO e UGT en Vigo

Manifestación de CCOO e UGT en Vigo

Precisamente, na cidade olívica participaron os secretarios xerais dos dous sindicatos en Galicia, Xosé Manuel Sánchez Aguión (CCOO) e José Antonio Gómez (UGT), que instaron o Goberno a escoitar o clamor da cidadanía e a rectificar os aspectos máis lesivos da reforma laboral e a política de recortes.

Aguión e Gómez lembraron que as manifestacións de hoxe fan parte dunha campaña de mobilizacións sostida no tempo que se iniciou o pasado 19 de febreiro e tivo o seu punto álxido coa folga xeral, secundada masivamente, do 29 de marzo. UGT e CCOO consideran que para combater a crise é preciso aplicar outro tipo de políticas, porque teimar unicamente nos recortes significa afogar o crecemento económico, recortar salarios, deteriorar condicións laborais e servizos públicos e, en definitiva, conducir o país directamente á recesión.

Os secretarios xerais dos dous sindicatos denunciaron que no tempo que leva gobernando o PP no Estado, o único que fixeron foi recortar dereitos. Seguindo as directrices da chanceler alemá, Angela Merkel, e obedecendo aos ditados das institucións financeiras, o Executivo español puxo en marcha un desapiadado programa de reformas coa única obsesión de conter o déficit e recortar dereitos laborais, sociais e democráticos. Lonxe do que prognosticaban, a chegada do PP ao Goberno de Madrid non calmou os mercados nin restableceu automaticamente a confianza sobre a economía española: a prima de risco e os xuros non deixan de subir, igual que o desemprego.

Europa vive unha grave crise económica e social con taxas dramáticas de desemprego: son xa 24 millóns as persoas que están en paro na Unión Europea, entre elas máis de cinco millóns de mozos e mozas. En España, o paro alcanza cifras dramáticas: máis de 5,5 millóns de persoas; en 1,7 millóns de fogares, ningún dos seus integrantes en condicións de traballar ten emprego.

Aínda por riba, o crecemento imparable do desemprego coincide cun ataque xeneralizado e sistemático aos dereitos laborais e sociais impulsado desde as institucións europeas, que está a ter consecuencias especialmente dolorosas nos países do sur e do leste de Europa: diminución de salarios e pensións, perda de dereitos, debilitación da negociación colectiva e da capacidade dos sindicatos para defenderen os traballadores e traballadoras, deterioración das prestacións e os servizos públicos, e ataque sen precedentes ao Estado de benestar.

Reformas e axustes contra as traballadores e traballadores

O pasado 10 de febreiro de 2012, o Goberno aprobou, sen negociación nin consulta cos interlocutores sociais, a reforma do mercado de traballo que xa se aplica nas empresas con todas as consecuencias. Unha reforma laboral que é o maior golpe ao dereito do traballo da democracia, porque abarata e facilita o despedimento, reforza o poder dos empresarios e consolida a precariedade do mercado de traballo. Ademais, fronte ao prometido polo Goberno, a reforma laboral non reduce as modalidades de contratación (pola contra, crea un novo contrato que poderán utilizar o 99% das empresas e que afectará ao 65% dos traballadores e traballadoras; un contrato precario de dubidosa constitucionalidade); introduce diferenzas nas posibilidades de emprego; dana gravemente a negociación colectiva (a Comisión de Emprego do Congreso endureceu aínda máis este capítulo ao pór fin á ultraactividade dos convenios unha vez transcorrido un ano da súa vixencia inicial), e facilita o despedimento nas Administracións públicas.

Doutra banda, os PXE-2012 van profundar na situación de recesión económica. Oficialmente, España entrou en recesión logo de rexistrar dous trimestres consecutivos de caída do pib. O Goberno estimou unha caída do 1,7% do pib en 2012, asociada a unha destrución de 650.000 empregos. Todo iso no marco de fortes axustes anunciados en RTVE e as televisións autonómicas, sanidade, educación, políticas sociais, as condicións impostas ás corporacións locais para financiar o pagamento a provedores, unha redución da presenza do sector público na economía e unha renuncia explícita ao investimento público e o emprego.

Fronte a iso, UGT e CCOO insisten en que hai outra política para saír da crise, para minimizar a erosión económica e social que anticipa a conxunción dos efectos da recesión económica e a reforma laboral. Unha aposta polo crecemento e o investimento público, polo emprego de calidade e a sustentabilidade do modelo social. Unha proposta de reforma do sistema financeiro orientada a resolver o financiamento da economía española e a dar pulo á circulación do crédito, fronte ás medidas aprobadas polo Goberno que unicamente viñeron a completar o proceso de demolición do sistema de caixas de aforro.

Igualmente, España necesita unha actuación en materia fiscal máis coordinada e eficaz. Unha actuación que non pode depender nunca da aprobación dunha amnistía fiscal que supón un ataque ético moi grave á xustiza e equidade fiscal, e si por unha reforma para incrementar os recursos do Estado e facer fronte á fraude fiscal e á economía somerxida.

CCOO e UGT esíxenlle ao Goberno que negocie un acordo pola reactivación económica, o emprego e a cohesión social. Un acordo que debería implicar as forzas políticas parlamentarias e as institucións do Estado. Ao noso xuízo, este sería o mellor camiño para restablecer a confianza e sentar as bases dunha saída máis xusta e equilibrada da crise. Pero o Executivo prefire entenderse con Merkel e a dereita europea para tentar satisfacer, sen o conseguir, os mercados e institucións financeiras. Segue instalado no conflito social, no ataque aos dereitos laborais e aos servizos públicos; na eliminación de dereitos civís e democráticos; na «criminalización» da resposta social e sindical.

Os secretarios xerais de UGT e CCOO en Galicia avanzaron que a resposta do movemento sindical de clase vai continuar, ao tempo que manterá un diálogo constante e fluído coa sociedade civil e as forzas políticas para lles trasladar as súas propostas.




Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2012

Gabinete de Comunicación 
Horario de verán: luns a venres, 8-15h
686 469 993 / 981 551 867 | xuz[arroba]galicia.ccoo.es 
+ Máis información en: http://www.galicia.ccoo.es


CCOO e UGT instan o Goberno a que escoite o clamor da cidadanía e rectifique a reforma laboral

mércores 20 de xuño de 2012

Áreas temáticas relacionadas

Información - Novas
O teu sindicato - Unións Territoriais - A Coruña - Actualidade
O teu sindicato - Unións Territoriais - Ourense Valdeorras - Actualidade
O teu sindicato - Unións Territoriais - Ferrol - Actualidade
O teu sindicato - Unións Territoriais - Lugo - Actualidade
O teu sindicato - Unións Territoriais - A Mariña - Actualidade
O teu sindicato - Unións Territoriais - Pontevedra - Actualidade
O teu sindicato - Unións Territoriais - Arousa - Actualidade
O teu sindicato - Unións Territoriais - Vigo - Actualidade
O teu sindicato - Unións Territoriais - Santiago Barbanza - Actualidade