Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a CCOO!

venres 4 de agosto de 2017

CCOO non asina o convenio de rematantes e serradoiros de Pontevedra por manter a precariedade no sector

  • Co asinamento, por parte da UGT e da CIG, o persoal perderá os atrasos e continuará cos salarios máis baixos de Galicia neste ámbito, malia a recuperación económica do sector

A Federación de Construción e Servizos de CCOO de Galicia non asinou o convenio provincial de rematantes e serradoiros de Pontevedra, subscrito polos sindicatos UGT e CIG o pasado 2 de agosto. Segundo Comisións Obreiras, o novo texto mantén a precariedade do sector nesta provincia, que actualmente ten os salarios máis baixos do país.

O convenio provincial mantén os salarios máis baixos de Galicia

O convenio provincial mantén os salarios máis baixos de Galicia

O convenio asinado pola UGT, a CIG e a patronal recolle incrementos do 1,6 % desde o pasado 1 de xullo, pero, contra o criterio de CCOO, renuncia a que o persoal cobre os respectivos atrasos. Par ao 2018 o incremento é do 1,7 % e para o 2019 é do 1,8 %, con cláusula de revisión para cada período.

A Federación de Construción e Servizos de CCOO coida que se trata dun convenio «doloso» que oculta unha realidade «vergoñenta»: nos próximos tres anos, os salarios provinciais continuarán a ser os máis baixos de todo o sector en Galicia.

O secretario de Acción Sindical e Negociación Colectiva da Federación, Ricardo Santos, apunta que se poderá dar a «peregrina situación» de que un traballador dunha empresa de Padrón (provincia da Coruña) cobre un 17,16 % máis ca outro que teña o centro de traballo no concello veciño de Pontecesures (provincia de Pontevedra) ou no de Valga (a menos de 5 km, tamén en Pontevedra). «Nestes exemplos, a maior distancia que os separa é a actitude dunha e doutra patronal na mesa de negociación», incide o sindicalista.

Precariedade nun sector en recuperación

A Federación de Construción e Servizos manifesta «a máis enérxica repulsa» cara á patronal pontevedresa do ramo por manter a liña de precarización das condicións laborais. Tamén reprocha a súa «hipocrisía», xa que os representantes empresariais recoñecen en diferentes informes que o sector se está a recuperar desde o ano 2015, con índices de produción e facturación similares ao 2008, ou sexa, antes do estourido da crise.

Galicia produce entre o 50 e o 55 % da madeira en rolo de España, o índice de produción industrial (IPI) é o maior do Estado, as exportacións de madeira superan os tres mil millóns de euros, as talas ou cortas de madeira volven superar os oito millóns de metros cúbicos —máis que no 2008—. Porén, a patronal teima en manter un convenio con táboas salariais que incluso son inferiores ás táboas de mínimos estatais recollidas no IV Convenio Xeral da Madeira —as cales están un 13,01 % por riba das asinadas agora pola CIG, UGT e a patronal.

CCOO non asina o convenio de rematantes e serradoiros de Pontevedra por manter a precariedade no sector

venres 4 de agosto de 2017

Documentos relacionados

• Comparativa das diferenzas salariais entre as táboas salariais [PDF]

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Acción sindical - Actualidade
Información - Novas
O teu sindicato - Unións Territoriais - Pontevedra - Actualidade
O teu sindicato - Unións Territoriais - Arousa - Actualidade
O teu sindicato - Unións Territoriais - Vigo - Actualidade