Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a CCOO!

xoves 3 de agosto de 2017

CCOO gaña unha sentenza «pioneira» contra a empresa Clece no sector de axuda a domicilio

  • A actual concesionaria do servizo de axuda a domicilio en Pontevedra enfróntase agora a unha «cadea de demandas» para compensar en salarios e cotizacións a máis da metade do persoal

A Federación de Construción e Servizos de CCOO de Galicia gañou unha sentenza «pioneira no Estado» contra Clece (do Grupo ACS), concesionaria do servizo de axuda a domicilio de Pontevedra. Segundo o sindicato, a empresa enfróntase agora a unha «cadea de demandas» para compensar en salarios e cotizacións a máis da metade do seu persoal.

CCOO critica os incumprimentos no servizo de axuda a domicilio | Foto: clece.es

CCOO critica os incumprimentos no servizo de axuda a domicilio | Foto: clece.es

O comité de empresa, formado por cinco delegadas de CCOO, levaba tres anos a traballar estreitamente coa federación para «pararlles os pés» a Clece e outro tipo de empresas, «que só procuran o lucro empresarial á custa da precariedade laboral».

A sentenza recoñece o dereito do persoal a traballar, como mínimo, vinte e cinco horas semanais. Segundo os cálculos de CCOO, a empresa deberá desembolsar máis de medio millón de euros entre os salarios non abonados ás traballadoras e as infracotizacións á seguridade social.

Luís Rodas, responsable de Construción e Servizos en Pontevedra, coida a resolución xudicial será un «alicerce fundamental» para rematar coa precariedade nun sector en que o 98 % son mulleres.

Crítica á permisividade das Administracións

Por último, desde CCOO lamentan que as diferentes Administracións se amosen en toda Galicia «permisivas» cos «sistemáticos incumprimentos» laborais protagonizados polas empresas do sector. Carmen Villar presidenta do comité de empresa, afirma que isto é só a punta do iceberg e que «a sociedade non consentiría esta precariedade» —que redunda directamente na calidade da atención— se coñecese as condicións en que se desenvolve o labor das traballadoras.

CCOO gaña unha sentenza «pioneira» contra a empresa Clece no sector de axuda a domicilio

xoves 3 de agosto de 2017

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Acción sindical - Actualidade
Información - Novas
O teu sindicato - Unións Territoriais - Pontevedra - Actualidade