Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a CCOO!

xoves 3 de agosto de 2017

CCOO critica o SERGAS por rexeitar negociar a recuperación de dereitos «roubados» ao persoal sanitario durante a crise

  • Comisións reprochoulle a súa actitude á Administración sanitaria na última mesa sectorial e vaticina «conflitividade» a partir de setembro

A Federación de Sanidade de Comisións Obreiras de Galicia (CCOO-Sanidade) critica o Servizo Galego de Saúde (SERGAS) por rexeitar na última mesa sectorial, que tivo lugar o pasado día 2, negociar a recuperación dos dereitos «roubados» ao persoal do ámbito durante a crise. Ángel Cameselle, secretario xeral de CCOO-Sanidade, reprochoulle á Administración sanitaria a súa actitude, xa que se insistiu durante anos en que a situación era «conxuntural» e se reverterían os recortes despois da recesión económica.

CCOO esixe a recuperación dos dereitos roubados

CCOO esixe a recuperación dos dereitos roubados

Malia que o presidente da Xunta leva dous anos a anunciar a recuperación da economía, o persoal sanitario non viu como recuperaba eses dereitos que lle foran arrebatados, censura o voceiro de CCOO. «Temos a carreira profesional paralizada, falta que nos devolvan tres días de asuntos propios e somos os únicos traballadores e traballadoras da Xunta con descontos por baixa laboral, diminuíndo o noso salario un 50 % os tres primeiros días», denuncia o sindicalista.

Cameselle reclama tamén a recuperación salarial, a xornada laboral de 35 horas e unha oferta pública de emprego «excepcional» que permita cubrir de xeito estable case sete mil prazas na sanidade pública, seguindo o criterio aprobado hai meses polo Ministerio de Facenda.

Conflitividade a partir de setembro

CCOO formulou, canda o restos dos sindicatos, o establecemento dun calendario de negociación a partir de setembro, que debería rematar antes da aprobación dos orzamentos do 2018. A directora de Recursos Humanos do SERGAS manifestou «compartir» as peticións sindicais, mais rexeitou aceptar o calendario, pois, na súa opinión, debería agardar aos orzamentos.

«De pouco nos serve a “comprensión” da responsable de Recursos Humanos se a seguir se pretende atrasar as negociacións para impedir unha verdadeira negociación», critica Cameselle. Por esta razón, se non houber negociación, coida que haberá «conflitividade» nos centros sanitarios a partir de setembro.


 

CCOO critica o SERGAS por rexeitar negociar a recuperación de dereitos «roubados» ao persoal sanitario durante a crise

xoves 3 de agosto de 2017

Áreas temáticas relacionadas

Información - Novas