Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a CCOO!

mércores 2 de agosto de 2017

CCOO cualifica de «insuficiente» e «precario» o emprego creado en Galicia no último mes

  • A secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza, censura que o crecemento do PIB non se traduce en creación de postos de traballo, e critica o «restritivo» teito de gasto

Segundo os datos coñecidos hoxe, en xullo formalizáronse 100.937 contratos temporais para tan só 16.149 afiliacións máis. Isto reflicte a «escasa» duración dos contratos rexistrados, lamenta a secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza. A sindicalista lembra que boa parte destas contratacións corresponden ao sector servizos, o cal dá unha «imaxe clara da intensa precariedade e estacionalidade dos postos de traballo creados».

Maica Bouza, secretaria de Emprego de CCOO

Maica Bouza, secretaria de Emprego de CCOO

A responsable de Emprego de CCOO sinala que antes da crise había en Galicia mais de 1,07 millóns de persoas afiliadas á Seguridade Social e que hoxe, con datos positivos, só hai 996.598. «Isto proba que o ritmo de creación de emprego é insuficiente para compensar o que se destruíu durante a crise e mais se temos en conta que o PIB está a medrar un 3 % mentres que o emprego o fai un punto por baixo», sinala Bouza.

Diminúe a protección social

A situación do emprego en xullo de 2017 é peor que hai un ano: tanto a redución do desemprego como o número de contratos realizados son sensiblemente inferiores aos de xullo de 2016. Pola contra, o número de contratos temporais rexistrados é moi superior. A esta maior precariedade engádese o descenso da protección por desemprego, que cae en dous puntos porcentuais no último ano; cun dato «dramático»: os subsidios por desemprego, «penúltimo eslabón da cadea de protección social», diminúen nun 12 %.

Bouza censura que o emprego que se crea é «precario e temporal»; isto, unido á desvalorización salarial —propiciada pola reforma laboral— fai que, hoxe en día, «ter un emprego xa non garanta poder desenvolver un proxecto de vida». Por isto, o sindicato demanda a recuperación do poder adquisitivo dos salarios —públicos e privados— para impulsar a demanda interna e consolidar o crecemento económico e, con el, a creación de emprego de calidade.

Críticas ao teito de gasto

CCOO lémbralle ao Goberno galego que segue habendo 181.871 persoas en situación de desemprego que non verán mudar a situación coas políticas de axuste que emaman do «restritivo» teito de gasto aprobado recentemente polo PP en Galicia. «É necesario outro escenario» de ingresos públicos para que os Orzamentos da Xunta do 2018 «poidan aplicar as políticas expansivas de gasto que permitan o desenvolvemento dun novo modelo produtivo que xere emprego de calidade e beneficie as persoas e o conxunto da economía», sinala Bouza. Os próximos orzamentos «han apostar de maneira decidida pola defensa dos servizos públicos e a protección social», insiste a secretaria de emprego de Comisións.

Análise do paro rexistrado

A baixada do paro rexistrado foi de 7.794 persoas no mes de xullo (–4,11 %) e de 13.586 respecto do mesmo mes do ano pasado (–6,95 %), co que o número total de persoas desempregadas é de 181.871. Destas, 103.448 son mulleres e 78.423 homes. Do total, 8.540 tiñan menos de 25 anos e 173.331 son maiores de 25 anos. O desemprego baixa máis nos homes que nas mulleres (–4.517 parados fronte a –3.277 paradas). No que atinxe ás persoas menores de 25 anos, rexístranse 422 menos ca en xuño (–4,70 %) e no caso das maiores, 7.372 menos (–4,08 %).

O paro rexistrado baixou en todos os sectores de actividade. Xullo deixou 4.925 persoas paradas menos nos servizos, 1.051 na industria, 962 na construción, 722 na agricultura e 134 no colectivo sen emprego anterior.

Análise da contratación

Os datos confirman a alta temporalidade na contratación: no mes de xullo rexistráronse 100.937 contratos temporais nas oficinas dos servizos públicos de emprego (o 93,82 % do total) e só 6.641 indefinidos (o 6,18 % do total). Na comparación mensual, a contratación temporal medra mentres que a indefinida se reduce: 574 contratos indefinidos menos por 5.539 temporais máis.

Afiliación á seguridade social

No mes de xullo había 996.598 persoas afiliadas á seguridade social en Galicia. Son 16.721 afiliacións máis ca no mes de xuño (+1,70 %) e 22.625 máis ca no mes de xullo de 2016 (+2,32 %). Con todo, as afiliacións á seguridade social seguen por baixo do millón. Hai 16.149 persoas afiliadas mais no réxime xeral (+2,17 %), 678 no do mar (+3,24 %) e 106 menos no de autónomos (-0,049 %).

Prestacións por desemprego

No mes de xuño de 2017 había 87.363 persoas a cobraren unha prestación por desemprego (son 9.205 prestacións menos que hai un ano) «e o peor é que só o 40 % das prestacións son contributivas», apunta a secretaria de Emprego de CCOO. A distribución das prestacións por desemprego é a seguinte: 34.835 contributivas, 41.029 xa son subsidios por desemprego, 10.437 da renda activa de inserción e 1.062 do programa de activación de emprego.

A cobertura do sistema de protección por desemprego durante o mes de xuño de 2017 foi do 48 %, mentres que un ano antes era do 50 %. Polo tanto, en Galicia hai ao redor de 160.000 persoas paradas que teñen experiencia laboral mais non cobran prestacións por desemprego. O gasto total das prestacións por desemprego no mes de xuño foi de 69,89 millóns de euros en Galicia, cifra inferior nun 9 % á de hai un ano. A contía media da prestación contributiva percibida por persoa beneficiaria neste mes de xuño foi de 771,5 euros ao mes (na media estatal sobe ata os 786,9 euros).

CCOO cualifica de «insuficiente» e «precario» o emprego creado en Galicia no último mes

mércores 2 de agosto de 2017

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Emprego e Formación - Actualidade
Información - Novas