Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Asembleas xerais abertas

martes 11 de xullo de 2017

Acordo de garantías sociolaborais para os traballadores e traballadoras do sector do transporte

O persoal adscrito ao servizo de transporte de viaxeiros e viaxeiras por estrada de Galicia salvagarda todos os seus dereitos, en liña coa proposta de garantías laborais formulada por CCOO o pasado mércores, 5 de xullo

Asemblea na estación autobuses de Vigo

Asemblea na estación autobuses de Vigo

11-7-2017.- A negociación mantida pola Consellaría de Infraestruturas e Vivenda cos sindicatos representativos do sector dá prioridade ao contido sociolaboral na implantación unilateral do plan de transporte público de Galicia, após seis xornadas de folga convocadas polos sindicatos.
O documento asinado onte estrutúrase en nove puntos que se desenvolven en catro aspectos fundamentais:

— Garantía de mantemento do emprego mediante cláusulas de subrogación obrigatorias que farán parte dos pregos de licitación; garántese o mantemento dos traballadores e traballadoras que estivesen prestando de forma efectiva o servizo.

— Garantía de mantemento de condicións. As empresas licitadoras das novas adxudicacións deberán respectar plenamente as condicións do persoal: expresamente, non poden modificar condicións retributivas nin xornadas, nin aplicar medidas extintivas colectivas ou individuais por causas técnicas, organizativas ou de produción ao persoal subrogado.

— Garantía de viabilidade económica de cumprimento dos requisitos laborais. Os pregos de condicións das novas licitacións preverán que os licitadores han ter en conta as consecuencias do acordo social e, en particular, a subrogación dos traballadores e traballadoras e das relacións laborais preexistentes aos efectos de presentación das súas ofertas.

— O incumprimento por parte das novas adxudicatarias de calquera aspecto contido no acordo será causa de resolución do contrato. Así mesmo, como consecuencia da negociación mantida cos representantes dos traballadores e traballadoras, a partida económica relativa a custos de persoal orzada inicialmente no plan incrementarase un 25 %.

Unha comisión de seguimento terá pleno control das actividades necesarias para garantir a execución deste acordo.

No acordo, a maiores, desenvólvese como garantía a obrigatoriedade do uso de tacógrafos e incorpora o persoal acompañante como parte esencial do servizo, quedando adscritos os mesmos traballadores e traballadoras para todos os efectos previstos no prego de licitación.

Dende CCOO coidamos moi positivo o desenlace dos aspectos sociolaborais no conflito xerado pola Xunta coa súa implantación unilateral do plan de transporte de Galicia. 

Aproveitamos para reiterarlles o noso agradecemento a todos os traballadores e traballadoras do sector porque sen a súa mobilización resultaría imposible acadar un acordo co que, agora, o sector do transporte de viaxeiros en Galicia se sitúa no nivel máis alto de garantías para os seus traballadores e traballadoras.

Hoxe estanse desenvolvendo asembleas en todas as comarcas para expoñer o contido do acordo e que o colectivo de traballadores e traballadoras do sector valore a necesidade de manter o conflito para desbloquear a situación dos convenios colectivos sectoriais en Galicia, que nalgunhas provincias non se revisan dende hai anos.

Dende CCOO agárdase que este fundamental aspecto poida quedar resolto na reunión prevista hoxe á tarde coas organizacións patronais, que ata o de agora mantiveron unha actitude de absoluto bloqueo das reivindicacións dos traballadores e traballadoras. O sindicato está a estudar a posibilidade de acudir formalmente a unha petición de mediación a través do AGA que poña fin con carácter estable ao conflito do sector do transporte en Galicia nos próximos días.

+ Para máis información:  Marcos Pérez, responsable do sector de estradas. 639 325 458

Acordo de garantías sociolaborais para os traballadores e traballadoras do sector do transporte

martes 11 de xullo de 2017

Documentos relacionados

Acordo asinado
Nota prensa

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Acción sindical - Actualidade
Información - Novas