Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Asembleas xerais abertas

venres 7 de xullo de 2017

Asinado un acordo previo para os anos 2017-2019 do convenio provincial do metal de Pontevedra

O acordo inclúe as propostas de CCOO de cláusula de revisión salarial do IPC cada un dos anos de vixencia e amplía a cobertura do convenio do metal a traballadores e traballadoras das empresas multiservizos

Concentración día 5. Vigo

Concentración día 5. Vigo

07-7-2017.- Despois de trece xuntanzas de negociación, os traballadores e traballadoras do metal da provincia de Pontevedra conseguen recuperar que o acordo do seu convenio colectivo se dea antes do inicio do período de vacacións, situación que non acontecía dende hai dez anos.

O acordo previo asinouse na xuntanza de onte, que comezou ás 17 horas e finalizou ás 3 horas do día de hoxe. Foi na última hora desta longa reunión cando a patronal desbloqueou a liña vermella que mantivera na negociación do convenio, ao igual que aconteceu nos catro anteriores, de non incluír a revisión salarial no convenio provincial.

Dende CCOO valórase moito este aspecto, así como a inclusión doutra das grandes bandeiras sindicais desta negociación que é a limitación do uso de empresas multiservizos no ámbito do convenio provincial do metal. A partir de agora, as ditas empresas terán que aplicar todo o estipulado no ámbito deste convenio aos traballadores e traballadoras que participen da actividade principal ou preponderante dos diferentes subsectores regulados no convenio provincial.

O incremento pactado no acordo establece para o ano 2017 o 2 % de incremento e revisión do IPC a final de ano; para o ano 2018, o 1,25 % con revisión do IPC e no 2019, o 1,25 % con revisión do IPC.
Así mesmo, o acordo engade melloras no capítulo de licenzas e no artigo que regula os desprazamentos e amplía garantías ás mulleres embarazadas, traballadoras ou traballadores que gocen de permiso de lactación e vítimas de violencia de xénero.

CCOO industria fará asembleas cos delegados e delegadas afiliados e traballadores e traballadoras o próximo martes, día 11 de xullo, en Vigo, Arousa e Pontevedra.

Asinado un acordo previo para os anos 2017-2019 do convenio provincial do metal de Pontevedra

venres 7 de xullo de 2017

Documentos relacionados

Preacordo asinado

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Acción sindical - Actualidade
Áreas - Emprego e Formación - Actualidade
Información - Novas
O teu sindicato - Unións Territoriais - Pontevedra - Actualidade
O teu sindicato - Unións Territoriais - Vigo - Actualidade