Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Asembleas xerais abertas

mércores 5 de xullo de 2017

CCOO esixe que Medio Rural reforce os efectivos nas oito parroquias que acumulan máis de 600 incendios no último lustro

  • O sindicato considera «escandaloso e irresponsable» que a metade destas parroquias estean nos distritos forestais Verín-Viana e Xinzo-Bande, onde a Consellaría segue sen cubrir o 70 % das vacantes

Varios medios de comunicación salientaron nos últimos días que oito parroquias galegas acumulan máis de seiscentos incendios nos últimos cinco anos. Comisións Obreiras (CCOO) esixe que a Consellaría do Medio Rural reforce os efectivos nestas zonas e, ademais, considera «escandaloso e irresponsable» que a metade destas parroquias estean nos distritos forestais Verín-Viana e Xinzo-Bande, onde o departamento autonómico segue sen cubrir o 70 % das vacantes.

No mapa da esquerda aparecen as parroquias de alta actividade incendiaria

No mapa da esquerda aparecen as parroquias de alta actividade incendiaria

O Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (PLADIGA) recolle que este ano aumentan en seis as parroquias de alta actividade incendiaria (PAAI) en relación co ano 2016, pasando de 67 a 73. Os lugares incluídos nesta listaxe estano tanto por número de sinistros (é o caso de 57 delas) como pola virulencia dos lumes (situación das 16 restantes).

Ademais, houbo un maior número de incendios nos mesmos concellos ou zonas, ao tempo que a súa virulencia foi maior. Tamén se rexistrou unha meirande concentración da superficie queimada: catro parroquias suman case 12.000 hectáreas queimadas na última década, mentres que as 16 PAAI con lumes máis intensos chegan ás 19.000.

Canto á súa distribución, as PAAI pertencen maiormente a concellos da provincia de Ourense, de xeito singular aos distritos forestais XIV (Verín-Viana) e XV (A Limia). De feito, os concellos de Cualedro, A Mezquita, A Gudiña e Oímbra acumulan case o 50 % dos lumes habidos nos últimos cinco anos no conxunto dos concellos de maior actividade incendiaria.

«Nefasta» xestión da Xunta

Para CCOO, esta concentración de incendios e as «escandalosas» cifras canto a hectáreas arrasadas explícanse pola «nefasta» xestión da Consellaría do Medio Rural no relativo ao dispositivo de prevención e defensa contra incendios forestais. «Chama poderosamente a atención o feito de que a zona de maior concentración de incendios sexa a que máis carencias presenta tanto en medios humanos como materiais», destaca o sindicato.

Concretamente, nos casos dos distritos XIV e XV, Comisións ten denunciado en innumerables ocasións eivas como a fragmentación dos medios de extinción (SPDCIF, UME, GES, brigadas dos concellos ou de empresas privadas), no canto de traballaren baixo un mando único; brigadas que deberían acudir á extinción con todos os seus integrantes (sete) pero que, con frecuencia, chegan con só un ou dous compoñentes e tamén medios materiais que en moitos casos están obsoletos ou inoperativos por mor das recorrentes avarías.

Ante esta situación, CCOO rexeita as «grandilocuentes declaracións» dos responsables da Consellería cando afirman que se reforza o dispositivo ou que se introducen melloras tecnolóxicas. Segundo Comisións, a realidade cotiá dos bombeiros forestais é que «deben combater os incendios con todo tipo de carencias materiais e humanas, padecendo a descoordinación do dispositivo e soportando a falta de políticas de prevención, vixilancia e información».

CCOO esixe que Medio Rural reforce os efectivos nas oito parroquias que acumulan máis de 600 incendios no último lustro

mércores 5 de xullo de 2017

Áreas temáticas relacionadas

Información - Novas
O teu sindicato - Unións Territoriais - Ourense Valdeorras - Actualidade