Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Asembleas xerais abertas

martes 4 de xullo de 2017

CCOO alerta da «extrema precariedade» que se agocha tras da «aparente» recuperación do emprego este mes

  • En Galicia segue habendo case 190.000 persoas no paro, ao tempo que a metade dos galegos e galegas con experiencia laboral, pero sen traballo, carecen de prestación por desemprego

Comisións Obreiras (CCOO) aplaude a «aparente» recuperación do emprego no último mes, coa diminución do paro rexistrado en 9973 persoas. Porén, o sindicato alerta da «extrema precariedade» que se agocha tras das cifras, pois o 93,4 % dos contratos rexistrados foron temporais, ao tempo que un terzo dos contratos iniciais dura menos dunha semana.

CCOO critica o elevado número de contratos eventuais, que chegan «con data de caducidade»

CCOO critica o elevado número de contratos eventuais, que chegan «con data de caducidade»

A secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza, analiza que «mal podemos falar de recuperación» cando os postos de traballo que se crean duran poucos meses, «cando non semanas ou escasos días». Así se desprende, tamén, do dato de contratación: 96 000 contratos temporais e só 8600 persoas afiliadas máis á seguridade social.

Esta «elevadísima fraxilidade» da contratación desembocará, ao seu xuízo, nun rápido incremento do desemprego ao cabo da campaña de verán. Por esta razón, Bouza insta a Xunta a adoptar as medidas necesarias para consolidar o emprego. A sindicalista lamenta que as 190 000 persoas desempregadas non sexan a preocupación central do Goberno e pídelle ao presidente Feijóo «que estea máis tempo en Gailcia» para resolver os problemas dos galegos e das galegas.

Análise do paro rexistrado

Desde CCOO informan de que no mes de xuño, «como acontece adoito nesta época do ano», diminuíu o paro rexistrado en 9973 persoas respecto ao mes de maio (−5 %) e 17 655 menos ca no mes de xuño de 2016 (−8,52 %). No mesmo período do ano anterior, ese descenso foi máis acusado tanto na comparación mensual (–5,96 %) coma na anual (–9,49 %).

Malia a baixada do paro rexistrado, CCOO critica que a cifra de desemprego en Galicia segue sendo «insostible», pois a finais dese mes había rexistradas 189 665 persoas desempregadas nas oficinas do servizo público de emprego: 106 725 mulleres (o 56 % do desemprego) e 82 940 homes. Dese total, 8962 persoas tiñan menos de 25 anos (case o 5 % do paro rexistrado).

Por sexos, o paro rexistrado baixou máis nos homes ca nas mulleres, na comparación mensual (5060 parados menos fronte a 4913 mulleres) e na anual (11 248 parados menos fronte a 6407 paradas menos).

Por grandes grupos de idade, hai 960 menores de 25 anos menos en paro que no mes anterior (−9,68 %) e 9013 menos no tramo de maiores desa idade (−4,75 %). Na comparación anual, en proporción, tamén é maior a diminución do paro rexistrado entre as persoas máis novas.

No último mes, o paro rexistrado baixa en todos os sectores de actividade, pero de xeito máis acentuado na construción e nos servizos: hai 1191 persoas paradas menos na construción (–5,82 %), 6740 nos servizos (–5,12 %), 1094 na industria (–4,73 %), 308 na agricultura (–4,17 %) e 640 no colectivo sen emprego anterior (–3,74 %). Na comparación anual, a diminución do desemprego tamén chega a todos os sectores: 8239 persoas paradas menos nos servizos, 4853 na construción, 2946 na industria, 902 no colectivo sen emprego anterior e 715 na agricultura. En proporción, os maiores descensos continúan dándose na construción (−20,12 %) e na industria (−11,8 %).

Análise da contratación

Para CCOO, os datos de contratación proporcionados polo servizo público de emprego poñen de manifesto que se están facendo «contratos precarios, moi ligados á tempada e de duración moi curta». No mes de xuño rexistráronse 103 613 contratos. Deles, son temporais 96.398 (o 93,04 % do total) para só 8.573 afiliacións máis; isto, a xuízo do sindicato, proba a «escasa» duración dos contratos rexistrados. Os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) corroboran que máis dun terzo dos contratos iniciais rexistrados dura menos dunha semana.

Afiliación á seguridade social

No mes de xuño había 979.877 persoas afiliadas á seguridade social en Galicia. Son 8573 afiliacións máis ca no mes de maio (0,88 %) e 21.949 máis ca en xuño de 2016 (2,29 %). Este mes, en proporción, avanzou algo máis a afiliación en Galicia que na media estatal (0,88 % e 0,48 %, respectivamente) pero, en termos anuais, segue subindo menos na nosa comunidade do que na media na media estatal (2,29 % e 3,79 %, respectivamente).

Por réximes, o incremento da afiliación non chegou a todos eles. Este mes pérdese afiliación no réxime do mar (84 menos) e, na comparación anual, hai 1582 afiliacións menos no réxime de autónomos e 61 menos no do fogar.

Prestacións por desemprego

Desde o mes de maio de 2016 hai 9629 persoas menos percibindo prestacións por desemprego (−9,5 %) e o gasto nesas prestacións baixou un 9,1 %. A taxa de cobertura no mes de maio de 2017 estaba no 50,3 %, co que nese mes había unhas 91 000 persoas con experiencia laboral no paro e que xa non percibían prestacións por desemprego.

As prestacións asistenciais superan as contributivas No mes de maio de 2017 había 91 824 persoas cobrando unha prestación por desemprego e a repartición por modalidades era a seguinte: 43 892 percibían un subsidio por desemprego (representan case o 47,8 % do total de prestacións), 36 481 contributivas (o 39,73 % do total), 10 706 a renda activa de inserción e 745 correspondían ao programa de activación de emprego.

CCOO alerta da «extrema precariedade» que se agocha tras da «aparente» recuperación do emprego este mes

martes 4 de xullo de 2017

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Emprego e Formación - Actualidade
Información - Novas