Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
11.º Congreso Nacional de CCOO de Galicia - Compromiso sindical: máis sindicato, máis dereitos

xoves 18 de maio de 2017

Sánchez Aguión avoga por un plan de choque para a recuperación do emprego e pola mellora da protección social

  • As delegadas e delegados que participan no 11.º Congreso aprobaron o informe-balance da Comisión Executiva Nacional saínte

As delegadas e delegados que participan no 11.º Congreso aprobaron o informe-balance da Comisión Executiva Nacional saínte, cuxa exposición correu a cargo de Xosé Manuel Sánchez Aguión, que abandona a Secretaría Xeral neste conclave. Na súa intervención, Sánchez Aguión sinalou que a «cacarexada recuperación» non chegou aínda ás persoas, así que avogou por un plan de choque para recuperar o emprego e mellorar os mecanismos de protección social.

Intervención de Sánchez Aguión durante a lectura do informe xeral

Intervención de Sánchez Aguión durante a lectura do informe xeral

O secretario xeral saínte asegurou que a prolongada e profunda crise, cuxos «devastadores efectos» se multiplicaron ao abeiro das políticas neoliberais, «condicionou a nosa acción sindical» no último período. No entanto, os documentos a debate neste Congreso «marcarán a senda pola que o sindicato deberá transitar os próximos catro anos. Debemos decidir o modelo organizativo e o equipo de persoas que deberá liderar esta nova etapa».

Aguión reivindicou o papel do sindicato, lembrando o pasado, «a memoria histórica recuperada sobre a cal asenta o presente», interpretándoo desde o «recoñecemento» das loitas obreiras e sociais que «construíron a armazón de dereitos laborais e sociais que hoxe temos que defender e, mañá, reconquistar e facer medrar», apuntou. «É importante facer esta reivindicación, porque o sindicato é o último dique de contención contra as agresivas políticas neoliberais e a prol dos dereitos laborais e as liberdades públicas», insistiu.

A finais de xaneiro do 2013, cando rematou o 10.º Congreso Nacional de CCOO de Galicia, a troica —Comisión Europea, BCE, FMI— «controlaba directamente» a economía e a política española debido ao rescate bancario. O PP impuxo unha nova reforma laboral, «máis agresiva ca a do PSOE», para provocar a desvalorización interna vía salarios e condicións de traballo, asegurou Aguión.

Este 11.º Congreso ten lugar nun momento de «recuperación dos indicadores económicos» respecto da situación en que se pechara o anterior. A mellora económica, porén, «non chega ás persoas: o paro, a pobreza, a precariedade e a desigualdade están ben presentes por culpa dos recortes, que agravan as consecuencias da crise», salientou o sindicalista.

A estratexia sindical

Ante esta conxuntura, o sindicato adoptou unha estratexia centrada en «contribuír a consolidar o crecemento económico e que este chegue a traballadores e traballadoras e ao conxunto da cidadanía», aseverou Sánchez Aguión. «Trátase de disputar os termos en que saímos da crise: se saímos dela consolidando o cambio de modelo que se impuxo coa xestión neoliberal ou se saímos restablecendo os sinais de identidade que definen o estado do benestar», insistiu.

A xestión da citada estratexia céntrase en combinar a aposta pola dinamización do diálogo social coa mobilización, tendo en mente a mellora do poder adquisitivo dos salarios, a adopción dun plan de choque polo emprego, o combate contra a excusión social, a mellora da protección ao desemprego e o restablecemento das redes de protección, entre outras actuacións.

Resultados das votacións
A seguir reproducimos os resultados das votacións dos documentos que se someteron ao debate nesta primeira sesión do Congreso:

— Informe-balance da Comisión Executiva Nacional: 123 votos a favor, 36 en contra e 41 abstencións
— Informe da Comisión de Garantías: 152 a favor, 8 en contra e 33 abstencións
— Informe da Comisión de Control, Administración e Finanzas: 149 a favor, 18 en contra e 25 abstencións

 

Sánchez Aguión avoga por un plan de choque para a recuperación do emprego e pola mellora da protección social

xoves 18 de maio de 2017

Áreas temáticas relacionadas

Información - Novas
O teu sindicato - 11.º Congreso - Información sobre o proceso congresual