Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
11.º Congreso Nacional de CCOO de Galicia - Compromiso sindical: máis sindicato, máis dereitos

xoves 11 de maio de 2017

CCOO súmase á petición dunha lei galega de identidade de xénero

  • O sindicato únese á petición de organizacións como Ultreia LGTBI, Amizando e Arelas

O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (CCOO) súmase á petición dunha lei galega de identidade de xénero. Únese, deste xeito, ás reivindicacións de Ultreia LGTBI, Amizando e Arelas, que levan tempo a reivindicar unha norma neste sentido, especialmente para protexer os dereitos dos menores transexuais, que conforman o colectivo máis vulnerable.

CCOO apoia unha lei galega de identidade de xénero

CCOO apoia unha lei galega de identidade de xénero

A premisa básica desta petición é a defensa do «dereito a ser». A secretaria de Muller e Cooperación de CCOO, Mabel Pérez, coincide nesta afirmación e asegura que o recoñecemento da identidade de xénero de toda persoa, «de xeito libre e sen presións de ningún tipo», é unha cuestión «básica».

Actualmente, comunidades autónomas como Navarra, o País Vasco, Andalucía, Canarias, Madrid e máis recentemente a Comunidade Valenciana aprobaron xa leis de idade de xénero que, alén de garantiren este aspecto esencial, dan pasos adicionais, como o deseño de carteiras de servizos e políticas públicas a prol da inclusión das persoas transexuais.

O pasado 3 de febreiro, Amizando, Arelas e Ultreia LGBTI rexistraron no Parlamento o borrador do texto legal, coa intención de que os grupos parlamentarios o recollan, debatan e defendan na Cámara autonómica. O pasado 29 de marzo houbo unha reunión con todos os grupos, que apoiaron de xeito «explícito e inequívoco» o proxecto —aseguran as organizacións—, agás no caso do PP.

Desde o sindicato considérase que unha lei destas características «non se pode atrasar máis», menos aínda cando unha organización «reaccionaria» está a desenvolver unha intensa campaña en cuxa cerna están os menores transexuais, que, como se indicou, «son especialmente vulnerables».

CCOO súmase á petición dunha lei galega de identidade de xénero

xoves 11 de maio de 2017

Ligazóns de interese relacionadas

Campaña en Change.org

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Igualdade - Actualidade
Información - Novas