Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
28 de abril, Día Internacional da Seguridade e a Saúde no Traballo

luns 10 de abril de 2017

CCOO coida positivo o cambio á fronte de Navantia e insiste nun plan industrial para os estaleiros públicos

  • A Federación de Industria do sindicato considera o xa ex-presidente José Manuel Revuelta como «o peor» na historia da compañía

A Federación de Industria de Comisións Obreiras coida positivo o cambio de presidente en Navantia, coa destitución de José Manuel Revuelta Lapique e o nomeamento, no seu lugar, de José Esteban García Vilasánchez. Con todo, considera que se trata dun paso «insuficiente» para reverter a situación en que se atopan os estaleiros públicos, razón pola que insiste na necesidade dun plan industrial. O sindicato despídese do xa ex-presidente Revuelta cualificándoo como «o peor» na historia da compañía.

Fotografía de arquivo dunha protesta do persoal de Navantia durante a botadura dun barco

Fotografía de arquivo dunha protesta do persoal de Navantia durante a botadura dun barco

CCOO xa viña alertando desde o ano 2013 da «grave deterioración» en Navantia e esixía un cambio de rumbo, así como a remuda do equipo directivo. Neste senso, a destitución de Revuelta é unha «moi boa noticia» e, polo tanto, unha «grande oportunidade» para «reconstruír» a compañía tras unha xestión «nefasta».

Como exemplo da «incompetencia e despotismo» de Revuelta, Comisións salienta a «consecución da marca histórica de perdas» desta empresa, que hai un ano superaba os 200 millóns. A situación provocou o conxelamento dos soldos do persoal, mais aumentaron un 4,5 % as retribucións dos directivos, como denunciaba CCOO en abril do 2016.

Outro «fito negativo» foi a «ruptura» das relacións laborais na compañía e o «vergoñento» proceso de negociación e asinamento do cuarto convenio colectivo, posteriormente anulado polo Tribunal Supremo.

Canto ao nomeamento de García Vilasánchez, CCOO xa reclamara que o novo presidente da compañía debía ser un profesional «contrastado», con coñecemento do sector e da empresa. Ao se cumpriren estas condicións, o sindicato aplaude o nomeamento, mais amosa a súa «cautela» xa que formou parte da Dirección e, polo tanto, é «corresponsable» das decisións adoptadas «nos últimos cinco anos».

Por esta razón, «moito se terá que esforzar» o novo presidente de Navantia «para despexar as dúbidas que xerou o seu nomeamento», advirte CCOO. Entre outras cuestións, deberá dar a coñecer as bases do seu proxecto para os estaleiros públicos e aclarar se se trata «dun verdadeiro cambio de rumbo ou, pola contra, estamos ante unha política simplemente cosmética e continuísta».

Reivindicacións de CCOO

CCOO insta a García Vilasánchez a recuperar as relacións laborais, arestora «inexistentes», e o entendemento coa representación sindical, abandonado polo seu predecesor. Tamén o comina a asumir as reivindicacións que o sindicato lle formulou hai dúas semanas á presidenta da SEPI, Pilar Platero: aboar as débedas contraídas co persoal, derivadas da aplicación do convenio colectivo vixente; deseñar un plan industrial co acento na consolidación do emprego e a consecución de maior carga de traballo; a remuda xeracional; a potenciación da área de reparacións e a construción naval civil de alto valor engadido e programas de I+D+i, entre outras.

 

CCOO coida positivo o cambio á fronte de Navantia e insiste nun plan industrial para os estaleiros públicos

luns 10 de abril de 2017

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Acción sindical - Actualidade
Información - Novas
O teu sindicato - Unións Territoriais - Ferrol - Actualidade

  • Zona de afiliados
  • Afiliate a CCOO
  • Campaña renda 2016 - A túa cota sindical desgrava na declaración!
  • Lista de locais do SN de CCOO
  • Fixemos, facemos, faremos historia
  • Resumo de prensa
  • Galicia Sindical n.º 39 - 1.ª quincena de abril de 2013
  • Autoemprego
  • Queres ser delegado?
  • Fundación 10 de Marzo
  • Atlantis Seguros
  • Seguros Atlantis - Fogar e Vida
  • Portal de transparencia