Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
28 de abril, Día Internacional da Seguridade e a Saúde no Traballo

martes 4 de abril de 2017

A evolución do paro segue sendo peor en Galicia ca no Estado e aumenta o número de persoas sen cobertura

  • O paro rexistrado diminuíu na comunidade autónoma case un 32 % menos que na media de España
  • Cae case un punto a porcentaxe de persoas desempregadas que perciben prestación

Comisións Obreiras (CCOO) denuncia, un mes máis, que a evolución do paro segue sendo peor en Galicia que no Estado, ao tempo que aumenta o número de persoas sen cobertura. A secretaria de Emprego do sindicato, Maica Bouza, ve «positivo» o descenso do paro rexistrado (-1868 persoas no último mes), pero alerta de que «hai moitas sombras no medio das luces».

A evolución do desemprego en Galicia segue a ser peor ca no Estado

A evolución do desemprego en Galicia segue a ser peor ca no Estado

Segundo o sindicato, o paro rexistrado diminuíu na comunidade autónoma un 31,78 % menos ca na media de España (–0,88 % en Galicia, –1,29 % no Estado), mentres que a porcentaxe de desempregados e desempregadas con experiencia laboral que perciben prestación cae un 0,8 % (do 53,4 % hai un mes ao 52,6 % agora). A xuízo da sindicalista, isto demostra «que queda moito por facer» e que «só con outras políticas será posible corrixir a situación».

Evolución do paro rexistrado en Galicia

No mes de marzo, o paro rexistrado baixou en Galicia en 1868 persoas en relación co mes de febreiro. Con todo, en proporción diminuíu menos na comunidade galega (–0,88 %) do que na media estatal (–1,29 %).

Polo tanto, en marzo había en Galicia 210 056 persoas inscritas como paradas nas oficinas dos servizos públicos de emprego: 116 006 mulleres (representan o 55 % do paro rexistrado) e 94 050 homes. As persoas menores de 25 anos en paro eran 10 310 e supoñían case o 5 % sobre o total de persoas paradas.

O descenso do paro só se dá nos homes (2146 parados menos fronte a 278 paradas máis) e, por grandes grupos de idade, nas persoas de 25 ou máis anos (2139 persoas paradas menos nesa franxa de idade fronte a 271 máis nas menores de 25 anos).

O paro rexistrado baixou en todos os sectores de actividade, agás no colectivo sen emprego anterior (394 persoas paradas máis ca en febreiro). As persoas paradas diminuíron en 874 na construción, 722 na industria, 347 na agricultura e 319 nos servizos. En proporción, o maior descenso dáse na agricultura e na construción.

Desde marzo de 2016, o paro rexistrado baixou en 21 741 persoas, o que supón unha diminución do 9,38 %, se ben no conxunto do Estado chegou ao 9,58 %. Non obstante, esa baixada do paro rexistrado está condicionada pola caída da poboación activa. Un dato que o demostra é que hai 21 741 persoas menos en paro que no mes de marzo de 2016, pero desde aquela só hai 18 585 afiliacións máis á seguridade social.

Análise da contratación

Nove de cada dez contratos rexistrados nas oficinas do servizo público de emprego foron temporais. En cifras absolutas, rexistráronse 77 353 contratos e, deles, 69 707 foron temporais (o 90,1 %) e só 7646 indefinidos.

Na comparación mensual, o incremento máis acusado dáse na contratación temporal: 13 732 eventuais máis (+24,53 %) e 1298 indefinidos máis (+20,45 %). Na comparación anual, rexistráronse 1470 contratos indefinidos máis (+23,80 %) e 8519 temporais máis (+13,92 %).

A excesiva rotación no mercado laboral é outra manifestación da degradación das condicións laborais. A evolución da seguridade social contrasta co esaxerado volume de contratos: en marzo rexistráronse 77 353 contratos, pero só houbo 5570 afiliacións máis á seguridade social ca en febreiro.

Afiliación á seguridade social

A afiliación media á seguridade social segue avanzando menos en Galicia que na media estatal, tanto na comparación mensual coma na anual. No mes de marzo, en Galicia había 959 133 afiliacións á seguridade social e aínda quedan por recuperar 120 333 para chegar aos niveis de emprego de hai nove anos.

No mes de marzo había 5570 persoas afiliadas máis ca no mes de febreiro, o que supón unha suba do 0,58 % (sobe ata o 0,91 % na media estatal). Por réximes, hai 4851 afiliacións máis no réxime xeral, 385 máis no de autónomos e 334 no do mar.

En termos anuais, a afiliación á seguridade social tamén medra máis devagar en Galicia que no conxunto do Estado: un 1,98 % fronte ao 3,49 %. Desde marzo de 2016 hai 18 585 persoas afiliadas máis en Galicia, e na desagregación por réximes, a cifra de afiliación medra no réxime xeral (20 194 afiliacións máis) e no do mar (101 máis) pero retrocede no de autónomos (1709 afiliación menos).

Prestacións por desemprego

No mes de febreiro de 2017 só percibían unha prestación por desemprego o 52,6 % das persoas paradas con experiencia laboral. As prestacións contributivas, as de máis calidade, só representaban o 42,39 % do total, mentres que no caso dos subsidios por desemprego a porcentaxe sobe ata o 46,17 %. En cifras absolutas, a repartición por modalidades era a seguinte: 47 476 percibían un subsidio por desemprego, 43 589 contributivas, 11 052 a renda activa de inserción e 717 correspondían ao programa de activación de emprego.

Desde febreiro de 2016 hai 10 863 persoas menos percibindo prestacións por desemprego (–9,6 %) e o gasto por prestacións por desemprego baixou un 7,4 %.

A evolución do paro segue sendo peor en Galicia ca no Estado e aumenta o número de persoas sen cobertura

martes 4 de abril de 2017

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Emprego e Formación - Actualidade
Información - Novas

  • Zona de afiliados
  • Afiliate a CCOO
  • Campaña renda 2016 - A túa cota sindical desgrava na declaración!
  • Lista de locais do SN de CCOO
  • Fixemos, facemos, faremos historia
  • Resumo de prensa
  • Galicia Sindical n.º 39 - 1.ª quincena de abril de 2013
  • Autoemprego
  • Queres ser delegado?
  • Fundación 10 de Marzo
  • Atlantis Seguros
  • Seguros Atlantis - Fogar e Vida
  • Portal de transparencia