Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
#ReclamaciónTemporais

martes 14 de marzo de 2017

Os Premios 10 de Marzo de CCOO recoñecen, un ano máis, traxectorias en defensa dos dereitos laborais

O pasado sábado, o Sindicato Nacional de CCOO de Galicia e a súa Fundación 10 de Marzo entregaron os premios que cada ano conceden a persoas significadas na loita polas liberdades e os dereitos laborais. Este ano recibiron o galardón Josefa Martínez Barreiro, traballadora do sector marisqueiro e fundadora das Comisións Mariñeiras; Emilio Crespo Correa, docente e sindicalista do ensino; e Carlos Domenech de Aspe, inspector de traballo e seguridade social, recentemente xubilado.

Abaixo, de esq. a der., Emilio Crespo, Tito Ucha (en nome de 'Sefa') e Carlos Domenech

Abaixo, de esq. a der., Emilio Crespo, Tito Ucha (en nome de 'Sefa') e Carlos Domenech

O presidente da Fundación 10 de Marzo, Xan María Castro Paz, destacou a traxectoria dos premiados, que dedicaron «toda unha vida» á defensa dos dereitos dos traballadores e das traballadoras.

En opinión de Castro, Emilio Crespo foi unha das «cabezas fundamentais» da acción sindical no ámbito educativo, amais de realizar un «magnífico labor» na área socioeconómica da Fundación. O propio Crespo, Olímpico para os amigos e amigas, fixo un repaso do traballo realizado tanto na Federación do Ensino como na Área Pública de CCOO. Rematou a súa intervención apelando contra a desmemoria e reivindicando que as liberdades de que gozamos «non son unha concesión do 'Réxime do 78', como pexorativamente se di, senón froito da loita obreira».

Canto a Josefa Martínez, Xan María Castro destacou o seu papel como cofundadora e un dos motores das Comisións Mariñeiras. Este labor fíxoo nun momento en que o sector marisqueiro estaba «sumido na anarquía» e con «condicións de traballo durísimas e mal remuneradas», como se encargaría de lembrar Tito Ucha cando recolleu o premio en nome de Sefa. Grazas ao traballo sindical, o marisqueo profesionalizouse e mellorou en todos os sentidos, comezando pola regulación laboral e a prohibición de artes de extracción daniñas.

O presidente da Fundación tamén se referiu a Carlos Domenech. Malia non estar ligado ao sindicato, o inspector de traballo desenvolveu unha «tarefa moi importante» desde o seu ámbito profesional, tanto para solucionar conflitos como para «manter e conseguir novos dereitos». Na súa intervención, Domenech salientou algúns dos máis sobranceiros conflitos en que mediou e deixou tamén a súa visión sobre algúns dos retos máis importantes para o sindicalismo e a sociedade, como o sistema público de pensións, do cal fixo unha afervoada defensa.

Os Premios 10 de Marzo de CCOO recoñecen, un ano máis, traxectorias en defensa dos dereitos laborais

martes 14 de marzo de 2017

Áreas temáticas relacionadas

Información - Novas