Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
#ReclamaciónTemporais

xoves 2 de febreiro de 2017

Galicia comeza o ano igual que rematou o anterior: máis desemprego e unha situación peor que no resto do estado

  • O pouco emprego que se crea é en condicións precarias e, ao tempo, redúcese a cobertura social

O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia (CCOO) afirma que Galicia comeza o 2017 igual que rematou 2016: con máis desemprego e unha situación económica peor que no conxunto do estado. A secretaria de Emprego do sindicato, Maica Bouza, denuncia que os poucos postos de traballo que se crean son «precarios» e salienta que nove de cada dez teñen carácter temporal. Doutra parte, a sindicalista alerta sobre a redución da cobertura social: as prestacións por desemprego caeron un 9,61 % desde decembro do 2015, ao tempo que o gasto en prestacións por desemprego se reduciu un 9,83 %.

Maica Bouza, secretaria de Emprego de CCOO

Maica Bouza, secretaria de Emprego de CCOO

Maica Bouza ve nestes datos a «constatación» da denuncia que leva meses facendo o sindicato: as políticas aplicadas pola Xunta de Galicia «intensifican» no noso país as «receitas» de Mariano Rajoy, que se revelaron «estériles» para combater o paro.

Por esta razón, CCOO insta o Goberno galego a mudar de estatexia e aproveitar os orzamentos autonómicos para recuperar o papel do sector público como motor da economía galega. Isto, xunto coa restitución dos dereitos arrebatados aos empregados e empregadas públicas —na liña da campaña emprendida polo sindicato hai unha semana— e a aposta por un novo modelo de desenvolvemento e o incremento da protección social.

Por último, Maica Bouza pídelle á nova dirección da patronal galega un «compromiso» coa reactivación da actividade, que ha comezar pola recuperación do poder adquisitivo dos salarios e continuar pola creación de emprego de calidade. Na súa opinión, estas son condicións «indispensables» non só para restituír os estándares de vida anteriores á crise, senón mesmo para superalos.

Sobe o paro en Galicia

No mes de xaneiro volveu a subir o paro rexistrado en Galicia por quinto mes consecutivo. En proporción, a suba é maior na nosa comunidade ca na media do estado. En Galicia, había 6.164 persoas máis en paro que no mes de decembro, o que equivale a unha suba do 2,99 % (fronte á suba do 1,55 % na media estatal). Polo tanto, o número de persoas en paro en Galicia sobe ata as 212.078 (96.637 homes e 115.441 mulleres); dese total, 9.730 son menores de 25 anos (o 5 % do total).

O incremento é máis acusado nas mulleres ca nos homes (3.880 paradas fronte a 2.284 parados) e, por grandes grupos de idade, hai 339 persoas paradas máis menores de 25 anos (+3,61 %) e 5.825 máis maiores desa idade (+2,96 %).

Por sectores, hai 6.465 persoas paradas máis nos servizos, 147 na construción e 105 no colectivo sen emprego anterior. Pola contra, o paro rexistrado baixa na industria (488 persoas paradas menos) e na agricultura (65 menos).

Desde xaneiro de 2016, o desemprego baixou en 24.369 persoas (−10,31 %). O paro rexistrado diminúe máis nos homes que nas mulleres (13.495 fronte a 10.874, respectivamente) e, por grandes grupos de idade, nos menores de 25 anos: 2.108 menores de 25 anos menos (–17,81 %) fronte a 22.261 menos maiores desa idade (–9,91 %). A redución do desemprego por sectores é xeneralizada pero, en proporción, é máis intensa na construción (−18,02 %).

Análise da contratación

A contratación está marcada pola alta temporalidade: en xaneiro rexistráronse 63.105 contratos temporais (o 90,29 % do total) e só 6.789 indefinidos (o 9,71 % do total); con todo, rexistráronse 3.062 contratos temporais menos fronte a 1.447 indefinidos máis. En comparación co mes de xaneiro de 2016, rexistráronse 1.228 contratos indefinidos máis (+22,08 %) e 5.978 contratos temporais máis (+10,46 %).

Afiliación á seguridade social

A afiliación media á seguridade social retrocedeu en Galicia e na media estatal, pero na comunidade autónoma diminuíu con máis forza: 1,35 % en Galicia fronte ao 0,98 % na media estatal. En xaneiro había 950.747 afiliacións á seguridade social. Son 12.988 menos ca no mes anterior: 10.920 menos no réxime xeral (−1,50 %), 712 menos no do mar (−3,34 %) e 1.355 menos no de autónomos (−0,63 %).

En termos anuais, a afiliación á seguridade social avanza menos en Galicia ca no conxunto do estado: un 2,13 % fronte ao 3,33 %. Desde xaneiro de 2016 hai 19.865 persoas afiliadas máis en Galicia, pero na desagregación por réximes, a cifra de afiliación baixa no de autónomos (1.610 menos) e no do fogar (198 menos).

No último mes destruíuse máis emprego do que se incrementou o paro rexistrado (12.988 afiliacións menos fronte a 6.164 parados e paradas máis); é dicir, hai persoas que perderon o seu posto de traballo pero non constan nas estatísticas do paro. Na comparación anual, a evolución do paro rexistrado e da afiliación á seguridade social tampouco seguen unha relación proporcional (24.369 persoas menos en paro fronte a tan só 19.865 afiliacións máis).

Prestacións por desemprego

No mes de decembro de 2016 só estaban percibindo unha prestación por desemprego o 53,7 % das persoas paradas con experiencia laboral. As prestacións contributivas, as de máis calidade, só representaban o 43,72 % do total, mentres que no caso dos subsidios por desemprego a porcentaxe sobe ata o 44,77 %. En cifras absolutas, a repartición por modalidades era a seguinte: 45.574 percibían un subsidio por desemprego, 44.506 contributivas, 11.010 a renda activa de inserción e 713 correspondían ao programa de activación de emprego.

Desde decembro de 2015 hai 10.821 persoas menos percibindo prestacións por desemprego (–9,61 %) e o gasto por prestacións por desemprego baixou un 9,83 %.

Galicia comeza o ano igual que rematou o anterior: máis desemprego e unha situación peor que no resto do estado

xoves 2 de febreiro de 2017

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Emprego e Formación - Actualidade
Información - Novas

  • Zona de afiliados
  • Afiliate a CCOO
  • 11.º Congreso Nacional de CCOO de Galicia
  • Lista de locais do SN de CCOO
  • Fixemos, facemos, faremos historia
  • Resumo de prensa
  • Galicia Sindical n.º 39 - 1.ª quincena de abril de 2013
  • Asina por unha Europa social primeiro
  • Acordos do Diálogo Social en Galicia 2015
  • Autoemprego
  • Queres ser delegado?
  • Fundación 10 de Marzo
  • Atlantis Seguros
  • Portal de transparencia