Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
#ReclamaciónTemporais

xoves 26 de xaneiro de 2017

CCOO ve na última EPA un «balance negativo» do 2016

  • Menos emprego e un volume «insostible» de paro, precariedade e pobreza

Comisións Obreiras (CCOO) ve na enquisa de poboación activa (EPA) do derradeiro trimestre do 2016 un «balance negativo» do último ano. A xuízo da secretaria de Emprego do sindicato, Maica Bouza, os datos debuxan unha Galicia con menos emprego e un volume «insostible» de paro, precariedade e pobreza. Segundo a sindicalista, a actividade recupérase, mais non o emprego, xa que o noso país segue a padecer os efectos negativos da reforma laboral: substitución de emprego indefinido por eventual e a tempo parcial, peores salarios e menores dereitos asociados.

Menos emprego e un volume insostible de paro, precariedade e pobreza

Menos emprego e un volume insostible de paro, precariedade e pobreza

A responsable de Emprego de CCOO repróballe ao presidente da Xunta que «intensifique» en Galicia as «receitas» de Mariano Rajoy, que ata o de agora deixan máis paro, destrución de emprego, desprotección social e, «sobre todo, perda de expectativas de desenvolver un proxecto de vida na propia terra».

Por esta razón, CCOO insta a Xunta de Galicia a facer unha «emenda á totalidade» das súas políticas e aproveitar os orzamentos que se están a tramitar no Parlamento para recuperar o papel do sector público —motor da actividade e do emprego— na economía galega. Isto, xunto coa restitución dos dereitos arrebatados aos empregados e empregadas públicas e a aposta por un novo modelo de desenvolvemento e o incremento da protección social.

Por último, Maica Bouza pídelle ao sector empresarial «compromiso» coa reactivación da actividade, que ha comezar pola recuperación do poder adquisitivo dos salarios, e continuar pola creación de emprego de calidade. Na súa opinión, estas son condicións «indispensables» non só para restituír os estándares de vida anteriores á crise, senón mesmo para superala.

Análise da EPA

Segundo os datos da enquisa de poboación activa (EPA), no cuarto trimestre de 2016 perderon o emprego 8.300 persoas en Galicia, co que a cifra de ocupación baixa ata 1.049.600. En proporción, a destrución de emprego foi maior en Galicia (−0,79 %) que na media estatal (−0,10 %).

A perda de emprego bate con máis forza nos homes ca nas mulleres (5.700 ocupados menos fronte a 2.600 ocupadas menos) e, por grupos de idade, o colectivo máis prexudicado é o das persoas máis novas: 5.700 menores de 30 anos perderon o seu emprego no último trimestre do ano (−4,5 %). Por sectores, o emprego creado no primario (3.900 persoas ocupadas máis) non compensou a perda de emprego nos restantes: na construción hai 1.700 persoas ocupadas menos (−2,4 %), nos servizos 9.800 menos (−1,3 %) e na industria 700 menos (−0,4 %). No que atangue ao tipo de xornada, substituíuse emprego a tempo completo por emprego a tempo parcial (16.400 persoas ocupadas menos a xornada completa fronte a 8.100 máis a xornada parcial).

A creación de emprego por conta propia non compensou a perda de emprego por conta allea (unhas 5.000 persoas ocupadas máis por conta propia fronte a 12.700 menos por conta allea). Canto á poboación asalariada, pérdese máis emprego no sector público ca no privado (7.700 persoas asalariadas menos no sector público e 4.900 menos no sector privado) e, polo tipo de contrato, o emprego máis danado é o temporal (9.600 empregos temporais menos e 3.100 indefinidos menos). A taxa de temporalidade está no 26,7 %, son 1,2 puntos máis ca no mesmo trimestre de 2015.

Desde o cuarto trimestre de 2015 hai 17.100 persoas máis con emprego (9.700 homes e 7.400 mulleres). En proporción, creouse menos emprego en Galicia ca na media estatal: 1,65 % fronte ao 2,29 %. O emprego avanza moi devagar en Galicia pois quedan aínda por recuperar 146.800 postos de traballo para situarnos nos niveis de ocupación que había hai oito anos.

O aumento da poboación ocupada no último ano é insuficiente para reverter os gravísimos efectos da crise no mercado laboral. A creación de emprego esta condicionada por unha elevada precariedade: o emprego por conta allea creado no último ano foi temporal (12.900 persoas asalariadas máis cun contrato temporal), mentres que o indefinido se estancou. A xornada parcial é outra manifestación da precariedade: o emprego a xornada parcial medrou máis que o de xornada completa (3,5 % fronte ao 1,4 %). No cuarto trimestre de 2016, o 61 % das persoas que traballaban a xornada parcial manifestaron que tiñan ese tipo de xornada porque non atopaban un traballo a xornada completa; só un 7 % afirmou buscar ese tipo de xornada.

No cuarto trimestre de 2016 había 204.200 parados e paradas en Galicia (102.700 homes e 101.500 mulleres), o que implica unha taxa de paro do 16,3 %; esa taxa é do 15,6 % nos homes e do 17,0 % nas mulleres. Daquela, póñense de manifesto os graves desequilibrios do noso mercado laboral e o desmesurado paro de moi longa duración: o 43 % das persoas desempregadas levaban buscando un posto de traballo dous ou máis anos; estaba nesta situación 88.800 persoas.

Hai 2.500 persoas paradas menos ca no terceiro trimestre de 2016 (−1,2 %). Non obstante, a evolución do paro foi moi diferente á do emprego: 2.500 persoas paradas menos fronte a 8.300 persoas ocupadas menos, o que evidencia que a perda de poboación activa tivo un efecto significativo no descenso do desemprego. En termos anuais, o descenso do desemprego foi menor en Galicia (−8,3 %) ca na media estatal (−11,3 %) e na baixa do paro tamén influíu a perda de poboación activa.

Un termómetro que mide a angustia que viven moitas familias en Galicia é a tipoloxía dos fogares en relación coa actividade laboral. As eivas do mercado laboral (emprego precario, desemprego de longa duración, emigración...) acumúlanse en moitas ocasións nun único fogar. Pero talvez a circunstancia máis extrema se produce cando todos os membros dunha vivenda están no paro: 69.600 en Galicia no cuarto trimestre de 2016 segundo a EPA. O catálogo de condicións extremas non remata aí porque en 37.100 fogares ninguén percibe ingresos (2.300 máis ca no trimestre anterior e 4.300 máis ca no mesmo trimestre de 2015). O risco de exclusión social axexa ás portas destes milleiros de fogares.

CCOO ve na última EPA un «balance negativo» do 2016

xoves 26 de xaneiro de 2017

Áreas temáticas relacionadas

Áreas - Emprego e Formación - Actualidade
Información - Novas

  • Zona de afiliados
  • Afiliate a CCOO
  • 11.º Congreso Nacional de CCOO de Galicia
  • Lista de locais do SN de CCOO
  • Fixemos, facemos, faremos historia
  • Resumo de prensa
  • Galicia Sindical n.º 39 - 1.ª quincena de abril de 2013
  • Asina por unha Europa social primeiro
  • Acordos do Diálogo Social en Galicia 2015
  • Autoemprego
  • Queres ser delegado?
  • Fundación 10 de Marzo
  • Atlantis Seguros
  • Portal de transparencia