Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a CCOO!

xoves 15 de xuño de 2017

CCOO reitéralle ao Santander a petición dunha reunión formal sobre a adquisición do Popular

  • O sindicato pídelle «axilidade» ao banco para clarificar a situación e lémbralle que «as persoas son o primeiro»

A sección sindical de CCOO-Servizos no Banco Santander reiteroulle hoxe á entidade, como principal interlocutora, unha reunión formal para que informe sobre a adquisición do Banco Popular. O sindicato demanda «axilidade» para ter canto antes información «de primeira man» sobre este proceso, alén do que diariamente se publica nos medios de comunicación e que está a xerar «intranquilidade» nos cadros de persoal de ambas as dúas empresas.

Oficina do Banco Pastor (Grupo Banco Popular)

Oficina do Banco Pastor (Grupo Banco Popular)

Da Federación de Servizos de CCOO salientan que é a primeira vez que se aplica o mecanismo europeo de resolución de entidades financeiras, polo que no sindicato son «conscientes» de que os prazos poden alongarse. Con todo, as «incertezas» sobre o emprego directo e o indirecto requiren dunha resposta por parte da entidade compradora, neste caso o Banco Santander, xa que estamos a falar de case tres mil persoas en Galicia (1430 no Popular, 900 no Santander e 500 en empresas de servizos).

A principal preocupación de CCOO son os postos de traballo. Calquera reordenación, tanto da rede de oficinas como de servizos centrais, con perda de personalidade xurídica do Banco Pastor e do Banco Popular, debe realizarse «sen medidas traumáticas e de xeito consensuado coa representación legal do persoal», insisten desde o sindicato. Como exemplo, o que se fixo no Pastor-Popular no pasado exercicio, co asinamento de acordos para a garantía do emprego e a homologación das condicións laborais.

En segundo lugar, desde a Federación de Servizos do sindicato afirman que as garantías de emprego han estenderse ás diversas empresas en que o Popular é copartícipe.

Outra das inquedanzas de CCOO é o restablecemento da confianza de clientes e persoal da entidade vendida. Neste sentido, o sindicato coida que o Banco Santander debe «ofrecer solucións» para os pequenos accionistas que viron desaparecer os seus investimentos —bonos e accións— por mor da aplicación do mecanismo único de resolución.

As persoas son o primeiro

Desde CCOO-Servizos afirman que se o Banco Central Europeo e a Comisión Europea pretendían «transmitir tranquilidade» ao sistema financeiro español, decidindo nun tempo brevísimo a resolución do banco e evitando así un custo ás arcas públicas pola inminente creba do Popular, outro tanto debe acontecer con todas as incertezas. O sindicato pide que, unha semana despois, se despexen canto antes todas as dúbidas, especialmente as referentes aos prazos, o futuro das marcas Banco Popular e Banco Pastor e as garantías reclamadas tanto polo persoal como a clientela. «As persoas son o primeiro», enfatizan desde CCOO. 

CCOO reitéralle ao Santander a petición dunha reunión formal sobre a adquisición do Popular

xoves 15 de xuño de 2017