Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
11.º Congreso Nacional de CCOO de Galicia - Compromiso sindical: máis sindicato, máis dereitos

venres 19 de maio de 2017

Ramón Sarmiento é elixido novo secretario xeral de CCOO

  • O novo dirixente promete renovar o traballo sindical e loitar pola unidade de acción con outros sindicatos

As delegadas e delegados que participaron no 11.º Congreso Nacional de CCOO elixiron hoxe a Ramón Sarmiento Solla como secretario xeral para os próximos catro anos. A súa candidatura foi apoiada co 82,55 % dos votos emitidos; así mesmo, a súa proposta de Comisión Executiva Nacional foi referendada polo 80 % dos votos. O novo dirixente substitúe no cargo a Xosé Manuel Sánchez Aguión, que non se presentaba á reelección, e faino prometendo renovar o traballo sindical e loitar a prol da unidade de acción con outras organizacións sindicais.

Intervención de Ramón Sarmiento, acompañado da nova Comisión Executiva Nacional

Intervención de Ramón Sarmiento, acompañado da nova Comisión Executiva Nacional

Canda Ramón Sarmiento formarán parte da nova Comisión Executiva Nacional tres membros da dirección saínte, que son Maica Bouza Seoane, Mabel Pérez Simal e Xesús Castro Baamonde. A estes nomes súmanse cinco que proceden directamente das súas seccións sindicais: M.ª del Carmen Peteiro García (Banco Pastor-Popular), Omar Ceveira Vázquez (Zara Logística), Roi Fernández Rodríguez (FINSA), Yolanda Martínez Quintián (Bankia) e Carmen Adela Sabio Sanz (Concello de Vedra).

O xa ex-secretario xeral, Sánchez Aguión, desexoulle «sorte» ao seu sucesor e salientou que se conseguise chegar e sair deste Congreso cunha candidatura de unidade tanto á Secretaría Xeral como á Comisión Executiva Nacional.

Clausura do Congreso

Na clausura do Congreso, o conselleiro de Economía, Francisco Conde, salientou o «talante, pero tamén firmeza nas ideas» de Sánchez Aguión e tendeu unha man para o entendemento con Ramón Sarmiento. Pola súa parte, o secretario xeral confederal agradeceu a «xenerosidade» de Aguión non presentándose á reelección e favorecendo así a remuda xeneracional na organización. Ignacio Fernández Toxo, quen tampouco concorrerá como candidato en xuño ao 11.º Congreso Confederal, chamou tamén a defender o emprego e os mecanismos de protección social, con especial atención ao sistema de pensións.

Pola súa parte, o novo dirixente sindical prometeu moito traballo, especialmente para dar resposta á falta de expectativas da mocidade deste país. Tivo tamén palabras para a patronal e o Goberno galegos, aos cales advertiu de que terán en CCOO un «discrepante pero leal» interlocutor. Rematou con palabras de agradecemento para o seu predecesor, Xosé Manuel Sánchez Aguión, e polo secretario xeral confederal, Ignacio Fernández Toxo, por facilitaren os procesos de renovación do sindicato.

Resolución xeral

A resolución xeral deste 11.º Congreso salienta que a recuperación económica non se está a trasladar á realidade do emprego e das persoas. O emprego que se crea é «pouco e precario» e increméntanse as desigualdades e a precariedade. Se no anterior Congreso —xaneiro de 2013— a economía estaba en recesión, catro anos despois «saímos da recesión, pero non da crise».

A maioría social «foi a gran prexudicada» pola crise e polas políticas aplicadas, promovidas polas institucións europeas «e aplicadas en España co máximo rigor polo Partido Popular», censura CCOO. O sindicato critica tamén que o PP de Galicia non adoptase ningunha política para contribuír á revitalización da actividade económica nin para apoiar os sectores produtivos básicos: «nestes anos agudizouse a crise do sector lácteo e do pesqueiro; tamén nas actividades industriais como o sector naval ou as ligadas ao uso intensivo de enerxía», recolle a resolución.

O Goberno galego fixo da redución do déficit o centro da súa acción, «pero esqueceuse de facer política de país e de poñer os galegos e as galegas no centro das súas actuacións». Neste contexto, «a prioridade deben ser as persoas», insiste o sindicato.

A reactivación económica depende de que haxa máis ingresos para facer outras políticas, e isto require un novo modelo fiscal para o que Galicia ten competencias plenas, investimento público e recursos financeiros para as empresas pero, sobre todo, require dun novo modelo produtivo. CCOO aposta pola evolución cara a unha economía sostible e socialmente avanzada, seguindo indicadores de desenvolvemento económico, igualdade, cobertura social ou innovación, a través dun incremento do valor engadido das empresas que se traduza nunha distribución máis equitativa da riqueza xerada, o que esixe avanzar na estabilidade e a cualificación no emprego.

Para iso, avoga por reforzar os sectores básicos da economía galega, recuperar a negociación colectiva como instrumento de intervención sindical e desmontar a pretensión patronal de desvincular as pequenas empresas da negociación colectiva do seu ámbito, entre outras actuacións. Nos próximos catro anos, CCOO quere ser «máis sindicato nas empresas e na sociedade» e pretende facelo «artellando un plan de traballo que sexa avaliable periodicamente e redefinible cando for necesario».

Outras resolucións

Aprobáronse tamén resolucións a favor da industria galega, en defensa dos postos de traballo en Ence e Elonsa, contra a violencia machista, contra a LGTBIfobia e a prol da conciliación da vida familiar e laboral.

Ramón Sarmiento é elixido novo secretario xeral de CCOO

venres 19 de maio de 2017

Áreas temáticas relacionadas

O teu sindicato - 11.º Congreso - Información sobre o proceso congresual