Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
11.º Congreso Nacional de CCOO de Galicia - Compromiso sindical: máis sindicato, máis dereitos

mércores 19 de abril de 2017

A Unión Intercomarcal Santiago-Barbanza de CCOO prepara as mobilizacións do 28 de Abril e do Primeiro de Maio

O 28 de abril, Día Internacional da Seguridade e a Saúde no Traballo e o Primeiro de Maio, Día Internacional do Traballo, son dúas datas sinaladas no calendario sindical. Por ese motivo, e para que o sindicato sexa visible nas rúas, a Unión Intercomarcal Santiago-Barbanza de CCOO está a convocar asembleas informativas para preparar as correspondentes mobilizacións.

A primeira delas tivo lugar xa o pasado martes, día 18, en Ribeira. A próxima será o vindeiro 21 de abril, venres, nos locais da Asociación de Empresarios do Tambre (vía Edison, 1), a partir das 10:30 horas.

Igual que en Ribeira, na asemblea compostelá informarase das seguintes cuestións:
—  Acordo de Negociación Colectiva confederal (ANC): posible acordo salarial para 2017.
—  Acordo de estabilización de emprego nas Administracións públicas e total desacordo na negociación dos orzamentos do Estado para 2017.
—  Situación da negociación colectiva na comarca: conflito no Correo Gallego, municipalización dos servizos da ORA e do guindastre en Santiago, convenios colectivos que se están negociando ou recentemente negociados (como o da conserva, asinado por UGT e CIG e rexeitado por CCOO).
—  Datos de sinistralidade en Galicia e na nosa comarca, que proban a incidencia da precariedade xerada polas reformas laborais e os recortes no aumento dos accidentes de traballo.

O actos programados son os seguintes:
- 28 de abril: concentración diante da sede da CEG na rúa do Vilar, en Santiago, ás 11 horas. CCOO en solitario.
—1.º de Maio:
- Manifestación que sairá ás 12:00 horas da Alameda de Santiago e rematará na praza das Praterías. Conxunta coa UGT.
- Celebración da festa do traballo cun xantar de confraternidade con todas as persoas que desexen participar, aboando o custo cada participante. Máis información na sede da U. I. Santiago-Barbanza de CCOO.

A Unión Intercomarcal Santiago-Barbanza de CCOO prepara as mobilizacións do 28 de Abril e do Primeiro de Maio

mércores 19 de abril de 2017

Áreas temáticas relacionadas

O teu sindicato - Unións Territoriais - Santiago Barbanza - Actualidade