Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
11.º Congreso Nacional de CCOO de Galicia - Compromiso sindical: máis sindicato, máis dereitos

luns 17 de abril de 2017

CCOO cuestiona a metodoloxía empregada para analizar a carga de traballo do persoal da Administración galega

  • O sindicato coida que non se pode facer un estudo deste calado sen contar coa representación legal das traballadoras e dos traballadores

A Federación de Servizos á Cidadanía de CCOO de Galicia cuestiona a metodoloxía empregada para analizar a carga de traballo do persoal da Administración galega. Para Comisións, calquera iniciativa que supoña mellorar os servizos públicos é «benvida», especialmente se iso «redunda tamén no recoñecemento da profesionalidade das empregadas e empregados públicos». Non obstante, tras a xuntanza informativa mantida coa Xunta, a CCOO xórdenlle «moitas dúbidas». Ademais, desde o sindicato defenden que un estudo deste calado debe ser negociado coa representación legal do persoal.

Fotografía de arquivo dunha concentración de CCOO fronte á sede da Xunta, en San Caetano

Fotografía de arquivo dunha concentración de CCOO fronte á sede da Xunta, en San Caetano

Dada á importancia desta cuestión, o sector da Administración autonómica da FSC-CCOO de Galicia non aceptará que a Xunta «se escude» en que se trata dun «documento interno» para negar a participación e intervención sindical. Comisións lémbralle ao Goberno que todo o que afecte ás condicións de traballo debe ser negociado coa súa representación legal, tal como marcan o Estatuto básico do empregado público e a Lei do emprego público de Galicia.

Doutra parte, a CCOO chámalle a atención que a análise de cargas de traballo non afecte aos entes públicos nin aos postos de libre designación. Tamén coida inxustificado que non teña en conta que unha parte da deterioración dos servizos públicos se debe ás altas taxas de temporalidade e aos recortes económicos e laborais que, amais de incrementaren as cargas de traballo, teñen un efecto «desmotivador».

Por esta razón, CCOO coida que «un bo xeito de comezar» a mellorar os procedementos e a súa axilización sería repoñer todo o emprego destruído nos últimos nove anos e dar cabo de todas as externalizacións de servizos públicos. Rematar con elas sería «unha boa noticia», xa que está «demostrado» que representan maior custo e menor eficiencia para o erario.

Ademais, como xa se indicou, a CCOO xurdíronlle dúbidas após coñecer as intencións da Xunta, e así llo fixo saber á Administración autonómica, que «non soubo ou non quixo responder». Entre outros asuntos, desde o sindicato pregúntanse como afectará a análise ás novas modificacións das relacións de postos de traballo (RPT), se as Consellarías a utilizarán para propor modificacións dos seus cadros de persoal, como afectará a presenza de asistencias técnicas «fraudulentas» na realización do estudo e se a análise servirá para transformalas en creación de postos de traballo mediante unha RPT, se pode dar pé a mobilidades non voluntarias ou se o diñeiro investido nesta iniciativa non estaría mellor destinado na recuperación do emprego público e na mellora das retribucións do persoal.


 

CCOO cuestiona a metodoloxía empregada para analizar a carga de traballo do persoal da Administración galega

luns 17 de abril de 2017