Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
11.º Congreso Nacional de CCOO de Galicia - Compromiso sindical: máis sindicato, máis dereitos

VALORACIÓN DE CC OO DO SISTEMA DE ATENCIÓN Á AUTONOMÍA E A DEPENDENCIA (SAAD) EN GALICIA

A Lei de dependencia foi unha reclamación por parte de CC OO, que a incorpora no ano 2000 como unha das súas prioridades, o que se reflicte no primeiro acordo público subscrito entre o Goberno e a patronal no 2001. No ano 2005 asínase o primeiro acordo que pon as bases para empezar a traballar neste sentido. Por todo isto, podemos considerar a CC OO como un dos pais desta lei.

O espírito da Lei de dependencia fundaméntase na atención tanto das persoas dependentes coma das que as coidan, na súa maioría mulleres que se dedican a tempo completo a atendérenas, abandonando en moitos casos as súas actividades sociolaborais. A lei, coa finalidade de descargar os/as coidadores/as, establece como prioridade a prestación de servizos, importante fonte de creación de emprego, fronte ás prestacións económicas, que se consideran algo excepcional.

A lei que regula o SAAD (Sistema de Atención á Autonomía e a Dependencia) ten rango estatal e ha desenvolvela cada comunidade autónoma, posto que este sistema está transferido.

Propostas de CC OO para mellorar o decreto que desenvolve a lei en Galicia

  • Acurtar os prazos no recoñecemento da situación de dependencia (recoñecemento de grao e nivel) e no Programa Individual de Atención.
  • Introducir un sistema que recolla as necesidades ou circunstancias sobrevidas con carácter urxente das persoas dependentes.
  • Regular o sistema de copagamento, non só para as libranzas económicas, senón tamén para os servizos (residencias, centros de día¿).
  • Promover a creación de servizos e, mentres estes estean en fase de construción, fomentar a xeneralización do servizo de axuda no fogar, coa finalidade de promover o emprego ao mesmo tempo que se presta un servizo de calidade.
  • Conseguir que as subvencións derivadas do Goberno central se vinculen á creación de servizos no canto de a libranzas económicas.
  • Conseguir que na libranza por coidados no contorno familiar o pagamento se realice directamente ao coidador informal para de evitar situacións inxustas.
  • Crear un Consello Consultivo Galego que se reúna de xeito periódico co fin de estudar a situación do SAAD e propoñer alternativas.
  • Implantar o sistema de teleasistencia aos maiores de 65 anos que así o desexen como medida sociosanitaria preventiva.
  • Procurar a máxima colaboración cos concellos, solicitando que sexan eles os que tramiten as solicitudes, realicen o Programa Individualizado de Atención e fagan o seguimento dos servizos/prestacións do SAAD. Todo isto tendo en conta a necesidade de reforzar os servizos sociais do concello.
  • Esixir que as valoracións do SAAD se efectúen sempre no domicilio da persoa dependente, tal como recolle a lei, posto que é o único xeito efectivo de avaliar os atrancos que este presenta (barreiras arquitectónicas, etc.).
  • Lograr unha formación de calidade para o persoal do SAAD, tanto para quen xa traballa neste ámbito (reciclaxe dos traballadores/as sociais, equipos de valoración, auxiliares de axuda a domicilio, xerocultores/as, etc.) como para quen pretenda traballar nel.
  • A formación do coidador/a non profesional debe perseguir tanto a formación das persoas coidadoras que previsiblemente non teñen unha saída laboral (baseándose nos temas de autocoidado e na atención integral ao dependente) como das que si poden ter un oco no mercado laboral unha vez que remate a súa tarefa de coidado.