Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a CCOO!

luns 19 de xuño de 2017

CCOO coida que a sentenza do TSXG sobre o incendio de Fornelos de Montes é «insuficiente» e chega «tarde»

  • O sindicato lamenta que o TSXG «valore tan pouco» as vidas dos dous brigadistas falecidos, malia que a Xunta deberá aboar maiores indemnizacións ás familias

Comisións Obreiras (CCOO) coida que a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) sobre o incendio de Fornelos de Montes do 2010, no que faleceron dous brigadistas, é «insuficiente» e chega «tarde». Ademais, o sector da Administración autonómica do sindicato lamenta que o alto tribunal «valore tan pouco» as vidas dos dous falecidos e denuncia que á Xunta lle sae «barato» incumprir a normativa de prevención de riscos laborais, malia que a Xustiza a obrigue agora a incrementar as indemnizacións para as familias.

Brigadistas traballando na extinción dun incendio

Brigadistas traballando na extinción dun incendio

A sentenza considera a Xunta responsable do «fatal desenlace» pola demora na chegada dunha motobomba que puido evitar a desgraza, de aí que lle impoña unha maior indemnización. Con todo, CCOO considera que a resolución xudicial chega «tarde» e resulta «insuficiente», xa que exime de responsabilidades penais os máximos dirixentes nese momento do dispositivo de loita contra incendios: Jorge Atán (secretario xeral da Consellaría do Medio Rural), Tomás Fernández-Couto (director xeral de Montes) e Pablo Arbones (director xerente de SEAGA).

CCOO coida «vergoñento» que a Inspección de Traballo, a Fiscalía e a propia xuíza eximan a Administración de toda responsabilidade alén das indemnizacións, a pesar dos «máis ca evidentes fallos» nas medidas preventivas, que tiveron un «papel determinante» nesta desgraza. O sindicato xa criticara no seu momento que non fosen aceptadas probas e testemuños que se pediran no primeiro xuízo, instruído polo Xulgado de Redondela.

Maiores indemnizacións

Sete anos despois, o TSXG condena a Xunta a incrementar as indemnizacións para as familias de Rodrigo Amo González e Julio Martínez da Silva. No seu día recibiran 75.000 euros en indemnizacións por parte do seguro da Xunta e da Administración central, co que se estimaba parte do recurso contencioso-administrativo interposto contra Medio Rural, que de primeiras desestimara a reclamación de responsabilidade patrimonial. Agora, o alto tribunal galego ordena que os pais dos dous brigadistas reciban 30.000 euros adicionais e 11.250 os seus irmáns.

CCOO pide reabrir o caso

Para CCOO, estas mortes non se resarcen con máis diñeiro, «senón con xustiza». Por esta razón, pide a reapertura do caso e que se permita achegar novos informes, «máis exhaustivos e independentes», amais de chamar a declarar a Atán, Fernández-Couto e Arbones, como responsables do persoal que actuaba nese incendio forestal.

CCOO coida que a sentenza do TSXG sobre o incendio de Fornelos de Montes é «insuficiente» e chega «tarde»

luns 19 de xuño de 2017

Áreas temáticas relacionadas

Información - Novas
O teu sindicato - Unións Territoriais - Pontevedra - Actualidade
Áreas - Saúde Laboral - Medio Ambiente