Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Asembleas xerais abertas

mércores 15 de febreiro de 2017

Vigo acolle un gran debate sobre o mercado de traballo na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal

  • Os secretarios xerais dos maiores sindicatos de España (CCOO e UGT) e Portugal (CGTP-IN e UGT-P) darán unha conferencia de prensa o xoves, día 16

A Confederación Europea de Sindicatos (CES) organiza os días 15 e 16 de febreiro, no Auditorio Afundación de Vigo, un seminario sobre os consellos sindicais interrexionais (CSIr). O obxectivo é debater como os CSIr poden influír na activación dos mercados de traballo transfronteirizos, facilitar a libre circulación de traballadores e traballadoras, así como mellorar a cohesión social e territorial.

Milleiros de persoas cruzan a diario a fronteira entre Galicia e Portugal por razóns laborais

Milleiros de persoas cruzan a diario a fronteira entre Galicia e Portugal por razóns laborais

Na sesión do día 16, xoves, participarán os secretarios xerais confederais de CCOO e UGT, Ignacio Fernández Toxo e Pepe Álvarez, así como os seus homólogos da UGT-P e CGTP-IN, Carlos Silva e Arménio Carlos, respectivamente. As súas intervencións serán no marco dunhas mesas redondas sobre dereitos laborais e sobre a cooperación sindical para combater o dúmping social. Por tal motivo, os dirixentes sindicais comparecerán ás 11 horas nunha conferencia de prensa conxunta no propio auditorio.

Xa na tarde do día 16, terá lugar o IX Cumio Ibérico, onde as delegacións sindicais analizarán e debaterán cuestións relacionadas coa situación política, económica, laboral e social en España, Portugal e no resto de Europa, así como estratexias sindicais e accións conxuntas a prol dunha Europa social, como por exemplo no que atangue á crise das persoas refuxiadas.

CSIr Galicia-Norte de Portugal

O CSIr Galicia-Norte de Portugal, constituído en 1985, intégrano dous sindicatos galegos e outros dous portugueses: o Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, a UGT de Galicia, a UGT de Portugal e a CGTP-IN. A súa principal función é ofrecer un punto de vista máis achegado da representación e a defensa das traballadoras e traballadores a ambas as beiras da fronteira.

En Europa hai constituídos 45 CSIr entre diferentes rexións fronteirizas, e o de Galicia-Norte de Portugal é un dos máis antigos: foi o noveno en se constituír. O actual presidente deste CSIr é Xosé Manuel Sánchez Aguión, secretario xeral de CCOO de Galicia.

Vigo acolle un gran debate sobre o mercado de traballo na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal

mércores 15 de febreiro de 2017

Áreas temáticas relacionadas

Información - Novas
O teu sindicato - Unións Territoriais - Vigo - Actualidade