Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a CCOO!

xoves 6 de febreiro de 2014

Dous sindicalistas foron condenados a penas de prisión por participaren nun piquete cando a folga do transporte do 2008

Manifestación en Vigo o día 9 para denunciar a represión sindical

  • A marcha solidaria partirá o domingo ás 11:30 h da praza dos Cabalos

CCOO, CIG e UGT convocan en Vigo para o próximo domingo, día 9 de febreiro, unha manifestación de apoio a dous sindicalistas represaliados por participaren nun piquete na folga do transporte do 2008. A marcha solidaria partirá ás 11:30 h da praza dos Cabalos.

Manifestación unitaria en Vigo contra a represión sindical

Manifestación unitaria en Vigo contra a represión sindical

A continuación reproducimos o manifesto conxunto das tres organizacións con motivo desta manifestación.

* * * * * * * * * *

NON Á REPRESIÓN SINDICAL!
INDULTO PARA OS COMPAÑEIROS CARLOS E SERAFÍN, CONDENADOS A 3 ANOS DE CÁRCERE POR PARTICIPAR NUN PIQUETE NA FOLGA DO TRANSPORTE DE 2008

Conforme se agravan as políticas de recortes e agresión contra os dereitos das clases populares, asistimos tamén á reiterada criminalización da resposta social, singularmente da de carácter sindical. É tamén crecente a represión contra quen, no exercicio de dereitos fundamentais, se revolve para esixir pacífica e democraticamente un cambio de rumbo, para demandar a mellora das condicións de vida e de traballo para a maioría social ou para denunciar os abusos e inxustizas que a clase traballadora padecemos, e que a vixente crise está a recruar.

No ano 2008, durante a negociación do Convenio Provincial de Transporte de Mercadorías da provincia de Pontevedra, os sindicatos CIG, CCOO e UGT convocamos unha folga para reivindicar a mellora das súas condicións. No transcurso desta, algúns compañeiros foron identificados pola policía mentres actuaban como piquetes informativos e posteriormente denunciados. Cómpre lembrar que os piquetes son un instrumento lexítimo, que forma parte da historia do movemento obreiro e que en moitos casos permite liberar os cadros de persoal, coa forza da unión solidaria da nosa clase, das coaccións e ameazas coas que a patronal pretende impedir que exerzan o seu dereito á folga.

Froito desa denuncia realizáronse varios xuízos cuxo resultado foi absolvelos de calquera dano para todos os efectos (ademais ningún traballador nin empresa presentou cargos nin culpou estes compañeiros). Porén, un xulgado de Vigo considerou que Serafín Rodríguez Martínez (CIG) e Carlos Rivas Martínez (UGT) eran culpables dun delito contra os dereitos dos traballadores (art. 315.3 do Código penal) e condenounos á pena máxima posible por ese delito: 3 anos de prisión.

¡Tres anos de cadea por participar nun piquete, logo de demostrarse que eran inocentes de causar ningún dano! Unha sentenza abusiva que só pretende escarmentar e amedrentrarnos para debilitar a nosa capacidade de resposta como clase. Unha vez máis, un tribunal, ditando unha sentenza inxusta, acaba exercendo a máis brutal represión sindical, malia que defender os dereitos da clase traballadora non é un delito. Mentres os verdadeiros delincuentes gozan da maior das impunidades e de todas as medidas de graza das altas esferas do poder, dous sindicalistas poden acabar en prisión.

Esta sentenza foi recorrida e, finalmente, solicitouse o indulto para ambos os compañeiros. O Goberno español denegou o indulto, que non ten reparos en concederlles a corruptos e banqueiros, o que obriga a estes compañeiros e aos sindicatos CIG e UGT a solicitar un recurso de casación e un último intento de concesión dun indulto. Carlos e Serafín poderían recibir en calquera momento a orde de ingreso en prisión. Chamamos a clase traballadora da comarca de Vigo e o conxunto do pobo a revolvernos contra esta inxustiza insoportable, a esixirlle ao Goberno español do Partido Popular que acceda á solicitude de indulto e anule calquera orde de ingreso en prisión por esa condena.

Porque Carlos e Serafín somos todos, somos todas!

DEFENDER OS DEREITOS DA CLASE TRABALLADORA NON É DELITO!

Manifestación en Vigo o día 9 para denunciar a represión sindical

xoves 6 de febreiro de 2014

Áreas temáticas relacionadas

Información - Novas
O teu sindicato - Unións Territoriais - Vigo - Actualidade