Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Asembleas xerais abertas

mércores 12 de xullo de 2017

Agresión física a unha traballadora do despacho de billetes de Renfe en Pontevedra

Dende o día 1 de xuño de 2017, Renfe reduciu a case a metade o persoal de venda de billetes da estación de Pontevedra. O servizo viuse prexudicado e producíronse episodios de tensión entre as persoas usuarias e os traballadores e traballadoras. Ao final ocorreu o inevitable: o pasado 1 de xullo, unha traballadora da estación de Pontevedra sufriu unha agresión física que requiriu a intervención das forzas de orde pública.

12-7-2017.- A cidadanía de Pontevedra está sufrindo serias discriminacións por parte da empresa pública Renfe, que se resumen nunha precaria prestación do servizo de venda de billetes, información e atención ao cliente.
O día 1 de xuño, a empresa pública Renfe acordou reducir case ao 50 % o cadro de persoal da Estación de Pontevedra. A imaxe que exhibe o centro de viaxes de Renfe na capital da provincia é a de permanentes colas de clientes que soportan esperas máis alá do razoable antes de ser atendidos. Ante esta situación anómala, os usuarios e usuarias vense abocados a acceder ao tren sen o preceptivo billete e a adquirilo dentro con recarga. Moitos trens circulan sen persoal comercial e os usuarios viaxan sen a cobertura do seguro por dano ou accidente.
As carencias descritas, aínda que son xerais para todo o canal de venda presencial de billetes en Galicia, son máis acusadas na estación de Pontevedra, como o corrobora o maior número de incidencias producidas, as reiteradas queixas, longas esperas, acceso dos clientes ao tren sen billete e a crispación conseguinte. Algúns deputados autonómicos que utilizan adoito estes servizos non son alleos a esta situación e, ao igual que os demais usuarios, tamén presentaron as súas queixas e se comprometeron a realizar xestións conducentes á corrección desta grave situación nunha entidade pública como é Renfe. Pero os seus esforzos e mais os dos cidadáns que usan o servizo ferroviario de Pontevedra sempre tropezaron ata agora coa actitude remisa e evasiva da empresa ferroviaria, que non ofrece solución ningunha a esta situación.
Como xa viñamos anunciando os representantes do persoal, esta decisión de reducir o cadro de persoal coa conseguinte precarización do servizo, ten como consecuencias, non só a deficiente atención á cidadanía, senón o risco de episodios de tensión entre os usuarios e o persoal do portelo que, ao cabo, derivaron na agresión verbal e física, o 1 de xullo de 2017, a unha traballadora da estación pontevedresa, que requiriu a intervención das forzas de orde pública.
Con toda probabilidade, se esta situación se mantén non será a última agresión, amais de agravarse o menoscabo na seguridade e saúde que o cadro de persoal desta empresa está padecendo.
Desde o Sector Ferroviario de CCOO condenamos de forma categórica a dita agresión e instamos a Renfe a tomar as oportunas medidas legais en defensa dunha das súas traballadoras.
Queremos transmitir tamén á opinión pública en xeral e aos usuarios do ferrocarril en particular, o alto compromiso que o persoal de venda está mostrando, intentando dar resposta e solución aos problemas que lles formulan e que, malia as deficiencias, seguirán desenvolvendo a súa función con absoluta profesionalidade.
Este sindicato non cesará na busca de propostas e solucións que redunden no beneficio dos usuarios e dos traballadores e traballadoras. 

Agresión física a unha traballadora do despacho de billetes de Renfe en Pontevedra

mércores 12 de xullo de 2017

Documentos relacionados

Nota prensa

Áreas temáticas relacionadas

Información - Novas