Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Sindicato Nacional de CCOO de Galicia
Afíliate a CCOO!

luns 19 de xuño de 2017

Folga en defensa do emprego e das condicións de traballo no sector de transporte en autobús

  • A folga terá lugar os martes e mércores, comezando os días 20 e 21 de xuño
  • Os sindicatos critican a reordenación do mapa de transporte, que cualifican de «ERE encuberto»
  • Críticas á «insensatez» da Xunta por romper o único acordo a que chegaran as partes social e empresarial

CCOO, UGT e CIG manteñen a convocatoria de folga no sector de transporte de viaxeiros en autobús. Os paros serán os días 20 e 21 de xuño e repetiranse cada martes e mércores. Os sindicatos protestan deste xeito contra a conxelación das condicións laborais no ámbito e tamén contra a reordenación do mapa do transporte que propón a Xunta, que cualifican de «ERE encuberto».

CCOO defende a importancia deste sector

CCOO defende a importancia deste sector

Os sindicatos critican a «intransixencia» da patronal, que mantén bloqueados os convenios —no caso de Ourense, desde o 2012—. Así mesmo, censuran que o anteproxecto da Xunta empeora a situación e debuxa un panorama de «precarización e recortes» —por exemplo, priman as xornadas parciais.

O reponsable do sector de transporte por estrada de CCOO, Marcos Pérez, reprochoulle ao Goberno galego a «falta de visión» e acusou a Xunta de «non medir o impacto social» da devandita reordenación, pois «deixará sen servizo a moitas localidades que ficarán incomunicadas».

«ERE encuberto»

O voceiro de CCOO alerta do impacto que a medida terá sobre o emprego. Segundo os cálculos de Pérez, ata o ano 2019 poderían desaparecer case o 30 % dos postos de traballo, ao redor de mil empregos. Ante a magnitude das cifras, non dubidou en cualificar de «ERE encuberto» a medida.

Críticas á «insensatez» da Xunta

Para este luns, 19 de xuño, estaba convocada unha reunión entre a Administración autonómica, a patronal e os sindicatos para intentar desbloquear a situación e suspender a folga. Porén, a Xunta «dinamitou» esta posibilidade ao cambiar «unilateralmente» as condicións previamente acordadas: o Goberno quixo reunirse por separado coas partes social e empresarial, cando o pactado era que o fixese conxuntamente.

Os sindicatos repróchanlle á Xunta a súa «insensatez» ao romper o que ata o de agora fora o único acordo entre as dúas partes.
 

Folga en defensa do emprego e das condicións de traballo no sector de transporte en autobús

luns 19 de xuño de 2017

Áreas temáticas relacionadas

Información - Novas